Friday 22 de November de 2024

A Escola de Familias de San Sadurniño encara a súa recta final con dous obradoiros para abril e maio


Ambas actividades, impartidas por profesionais de ASFEDRO, centraranse nas normas e límites na familia e na prevención de adicións

A Escola de Familias promovida polo Concello de San Sadurniño ofrecerá o mércores 24 de abril e o mércores 29 de maio os dous últimos obradoiros programados para este ciclo. Ambos irán dirixidos a familias con rapazada con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos, ás que se lles darán consellos prácticos sobre as normas e límites que se deben respectar na familia e tamén sobre como previr condutas aditivas, sexan relacionadas coas drogas, co xogo ou co abuso da tecnoloxía. Ambas sesións, que son gratuítas, estarán conducidas por persoal experto de ASFEDRO e fai falla inscrición previa no 673 903 922 ou no correo veronica.perez@sansadurnino.gal.

Os departamentos de Educación familiar e de Servizos Sociais puxeron en marcha o programa Escola de Familias co ánimo de favorecer un desenvolvemento integral da rapazada, desde a etapa preescolar até a adolescencia. Os obradoiros son un punto de encontro onde compartir experiencias sobre a crianza dos fillos e fillas e, ao mesmo tempo, asesorarse con persoas expertas en distintas materias.

Así, o mércores 24 de abril, ASFEDRO explicará as regras de convivencia que deben manter e respectar todos os membros da familia, asumindo que as nais e pais (ou persoas encargadas da tutela dos e das menores) son responsables da educación e de marcar os límites que non se deben sobrepasar, de cara a garantir o bo ambiente familiar e unha correcta formación como persoas da rapazada. A sesión terá lugar na Casa da Cultura entre as 17:00 e as 18:30h.

Por outro lado -e moi relacionado co anterior-, o mércores 29 de maio co mesmo horario tocaralle ao obradoiro sobre condutas aditivas -orientado igualmente a familias con fillas e fillos de 6 a 16 anos- cun contido que tratará distintas facetas das adicións que ameazan o desenvolvemento da cativería e a mocidade e que, ademais, nos últimos tempos cobraron novas formas a través da tecnoloxía. É o caso, por exemplo, do abuso das videoconsolas e dos xogos en liña ou da facilidade para acceder a casas de apostas e casinos virtuais.

As charlas forman parte do “Proxecto de prevención de condutas aditivas” de ASFEDRO, en marcha tanto en San Sadurniño como noutros concellos da comarca con financiamento da Consellaría de Sanidade. Para participar nelas fai falla inscrición previa no 673 903 922 ou no correo veronica.perez@sansadurnino.gal.