A programación arrinca este sábado 6 de abril coa comedia musical “Río Bravo”, da Asociación Cultural e Teatral Catro Gatos
O auditorio do centro social polivalente de Brión acollerá os sábados 6, 20 e 27 de abril, ás 20:00 horas, o inicio dunha nova xeira do ciclo de teatro afeccionado “Fegateatro”. Tres sesións con entrada de balde ata completar a capacidade da sala, froito do acordo asinado entre o alcalde de Brión, Pablo Lago, e a presidenta da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), Chelo Pampillón.
“Fegateatro” inclúe sete actuacións de teatro amador que terán lugar nos meses de abril, outubro e novembro da man de grupos asociados a FEGATEA. Unha programación que busca captar o interese do público brionés neste tipo de representacións, nas que se promove a cultura e a lingua galega.
O ciclo abrirase este sábado 6 de abril con “Río Bravo”, unha comedia musical para todos os públicos da Asociación Cultural e Teatral Catro Gatos (Bergondo). Un musical trepidante que esgota os estereotipos do western e se ri de todos eles. A súa banda sonora, dirixida por Andrés Botureira, consta de cancións breves dos máis variados estilos e compleméntase cun amplo dispositivo de sons incidentais e onomatopeias.
A programación de abril completarase con “Vacacións”, unha traxicomedia de A Tequerreté Teatro (Teo) dirixida a un público adulto (20 de abril); e “Un mal día teno calquera”, unha comedia para público adulto de Teatro de Cámara Ditea.