— O conselleiro de Educación en funcións recibe aos 38 mozos de 23 centros educativos que representan a nosa Comunidade nas olimpíadas nacionais destas ensinanzas
— O certame desenvólvese en Madrid entre do 9 ao 13 de abril
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, recibiu hoxe ao equipo que vai representar a Galicia no certame Spainskills 2024. “Agardo que demostredes neste campionato todo o potencial que ten a nosa FP”, animounos, lembrando que os resultados da delegación galega en citas de anos anteriores foron “moi satisfactorios e un orgullo para o noso sistema educativo”.
Son aproximadamente 100 as persoas, entre alumnos e docentes, que conforman o equipo galego nestas olimpíadas nacionais da Formación Profesional, que se desenvolveran no recinto feiral de IFEMA, en Madrid, do 9 ao 13 de abril.
En total haberá 38 alumnos de 23 centros competindo xa que en catro modalidades se participa por parellas (Xardinería paisaxística, Mecatrónica, Sistemas robóticos integrados e Robótica Colaborativa).
Galicia participa en 34 modalidades de skills, das cales 29 son competicións oficiais, e polo tanto clasificables para os campionatos internacionais, e cinco son en formato demostración. No caso das skills oficiais, a relación de centros galegos participantes por cada unha delas son:
| Modalidade de competición | Concello | Centro educativo |
| Animación 3D e xogos | A Coruña | CIFP Imaxe e Son |
| Atención socio sanitaria | Cee | IES Agra de Raíces |
| Carpintería | Ortigueira | IES de Ortigueira |
| CNC fresado | Vigo | IES Politécnico de Vigo |
| Cociña | Pontevedra | CIFP Carlos Oroza |
| Control industrial | Lugo | CIFP Politécnico de Lugo |
| Desenvolvemento web | Santiago de Compostela | IES San Clemente |
| Deseño mecánico CAD | Ferrol | CIFP Ferrolterra |
| Ebanistería | Melide | IES de Melide |
| Electrónica | Lugo | CIFP Politécnico de Lugo |
| Escaparatismo | A Coruña | IES Ramón Menéndez Pidal |
| Estética | A Coruña | CIFP Someso |
| Floraría | Ponteareas | CIFP A Granxa |
| Fontanaría e calefacción | Culleredo | CIFP Universidade Laboral |
| Instalacións eléctricas | Lugo | CIFP Politécnico de Lugo |
| Xardinaría paisajística | Pontevedra | CIFP Montecelo |
| Mecatrónica | Lugo | CIFP Politécnico de Lugo |
| Panadaría | A Coruña | CIFP Paseo das Pontes |
| Peiteado | Vigo | IES de Teis |
| Pintura do automóbil | A Coruña | CIFP Someso |
| Recepción hoteleira | Vigo | CIFP Manuel Antonio |
| Refrixeración e aire acondicionado | Lugo | CIFP As Mercedes |
| Reparación de carrozaría | Ponteceso | IES Eduardo Pondal |
| Servizo de restaurante e bar | A Coruña | CIFP Paseo das Pontes |
| Sistemas robóticos integrados | Lugo | CIFP Politécnico de Lugo |
| Soldadura | Vila de Cruces | IES Marco do Camballón |
| Tecnoloxía da moda | A Coruña | CIFP Paseo das Pontes |
| Tecnoloxía do automóbil | Betanzos | IES As Mariñas |
| TIC administración de sistemas en rede | Vigo | IES de Teis |
Ademais, haberá representación galega nas seguintes demostracións:
| Modalidade de demostración | Concello | Centro educativo |
| Cloud Computing | A Coruña | IES Fernando Wirtz Suárez |
| Enerxías Renovables | Vigo | CIFP Valentín Paz Andrade |
| Farmacia e parafarmacia | Pontevedra | CIFP Montecelo |
| Robótica Colaborativa | Vigo | IES Politécnico de Vigo |
| Tecnoloxía de vehículos pesados | Lugo | CIFP As Mercedes |
Os estudantes gañadores da medalla de ouro en Spainskills 2024 formará parte da delegación española que participará nos próximos campionatos internacionais de FP. Galicia participa activamente desde o ano 2007 nas distintas edicións das Competicións Nacionais de Formación Profesional, Spainskills, e tamén nas edicións internacionais Worldskills e Euroskills. Ademais, desde o ano 2012 organízase o campionato autonómico, Galiciaskills.



