O Pleno do Concello de Ribeira aprobou por unanimidade o proxecto básico e de execución para a rehabilitación de deficiencias do aparcadoiro da Praza do Centenario cun orzamento total de 892.080,40€. Segundo explicou o alcalde Luís Pérez, a empresa Oxil fixo unha análise de deficiencias e desperfectos “que tiña que ter asumido a concesionaria, tales como os actos de vandalismo, mantemento de equipos ou filtracións de auga”.
Pola súa parte, a concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso, afirmou que dende o Concello se está a “dar un paso máis para recuperar este aparcadoiro e subsanar tódalas deficiencias do contrato que se adxudicou no seu día.” Segundo explicou, o Concello “ten que repercutir esas fallas de mantemento na empresa adxudicataria que se detraerán da liquidación final á que teña dereito a empresa.”
Con esta aprobación o pleno avanza no rescate definitivo da instalación para darlle á veciñanza un servizo axeitado de 24 horas e a prezos asequibles.
O Pleno aprobou así mesmo proceder á cancelación e devolución dos avais, por anticipo de 106.464,36€ con IVA, en concepto de garantir acopios de material da obra, constituidos e depositados pola UTE Auditorio Ribeira. “Esta é unha obligación legal á que debe facer fronte o Concello” afirmou o segundo tenente de alcalde Francisco Suárez-Puerta.
Consello Escolar Municipal de Ribeira
O Concello aprobou neste Pleno o nomeamento dos representantes no Consello Escolar Municipal de Ribeira. Este Consello estará formado polo alcalde, como presidente, os voceiros dos partidos políticos representados na Corporación Municipal, un representante designado pola Administración como secretario ou secretaria -con voz pero sen voto-, e os directores dos colexios CEIP Frións, CEIP Palmeira, CEIP Heroínas de Sálvora, CEIP O Grupo, CEP Pe do Corniño, CEP Deán xunto co resto de directores/as que teñen xa representación neste órgano. Segundo explicou a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, “esta é unha reivindicación de tódalas direccións dos centros e das ANPAS que permitirá unha canle de comunicación entre o sector educativo e o Concello de Ribeira e onde todo o mundo estará representado.”
Doutra banda, o Pleno aprobou por unanimidade a proposición presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular para realizar as xestións para a implantación da figura da Reserva de Contratos para entidades de economía social, cuxo obxectivo principal sexa a integración social e profesional de persoas con discapacidade ou desfavorecidas. Tódolos grupos mostraron a súa vontade
de avanzar neste tipo de contratos que garanten a igualdade de oportunidades e favorecen a contratación laboral de persoas con algún tipo de discapacidade ou vulnerabilidade.