Saturday 16 de November de 2024

Sindo Guinarte cuestiona a “intención pouco traballada” do bipartito de limitar a circulación de turistas no espazo público: “non se pode gobernar a capital de Galicia a golpe de titular”


Lembra que durante o mandato socialista acordouse coa Asociación de Guías Turísticos e coa Praza de Abastos limitar o número de excursionistas para non interromper o seu funcionamento

“Unha cousa é acordar o límite máximo dos grupos con guía turística, como xa se fixo, e outra querer limitar os grupos de peregrinos que entran pola rúa de San Pedro ou Conxo” insiste.

De unha “intención pouco traballada”, así cualificou este mércores o concelleiro Sindo Guinarte o anuncio feito polo goberno local que asegura estar traballando en limitar a circulación de grupos de persoas no espazo público. O edil socialista criticou que se faga pública esta cuestión sen traballala previamente, máis ao tratarse dun tema “sensible”

Guinarte cuestiona que desde o bipartito de mesturen conceptos, xa que “unha cousa é acordar o límite máximo dos grupos con guía turística e outra querer limitar os grupos de peregrinos que entran pola rúa de San Pedro ou Conxo”. Explica o edil socialista que este segundo é o punto máis conflitivo e, tamén, o máis difícil de abordar; e lembra ademais que desde o goberno socialista de Sánchez Bugallo xa se acordara coa xerencia da Praza de Abastos e coa Asociación de Guías Turísticos “limitar nalgúns ámbitos, na praza especificamente, o número de persoas por grupo para non interromper o funcionamento normal”.

Neste sentido é no que camiña tamén a proposta de Donosti na que se aferra o executivo de Sanmartín no anuncio desta intención, como así mesmo a cualificaba a propia edil de Turismo, Míriam Louzao o pasado martes.

“Vai haber un policía seguindo os grupos de excursionistas?”

Sindo Guinarte pregúntase pola aplicación real da intención anunciada de Sanmartín e Louzao, toda vez que “non deixan claro se o que queren limitar son os grupos con guía ou os grupos espontáneos”. O edil socialista pregúntase, de querer limitar os grupos de persoas excursionistas que van por libre, como teñen previsto facelo: “como evitamos que estean xuntos? Obrigámolos a separarse? Vai haber un policía seguindo aos grupos de excursionistas para evitar que se formen grupos?”

“O que non se pode facer é gobernar a capital de Galicia a golpe de titular” sanciona Guinarte que reclámalle ao goberno local “claridade e seriedade” á hora de abordar a estratexia turística que, lembra, “segue as liñas do anterior goberno procurando unha maior sustentabilidade e potenciando a desestacionalización”.