Friday 22 de November de 2024

O concello avanza no procedemento de contratación do servizo de salvamento e socorrismo para a praia de Caión


O servizo estará operativo do 15 de xuño ao 15 de setembro e suporá un custe anual para o Concello superior aos 68.000 euros.

A Mesa de Contratación reuniuse hoxe para avanzar no procedemento de adxudicación do servizo de socorrismo, vixilancia e primeiros auxilios que se vai prestar na praia de Caión durante os dous próximos veráns. Na sesión de hoxe persoal técnico municipal procedeu á apertura de plicas coa documentación administrativa e a oferta técnica das dúas empresas que concorreron a esta licitación aberta. Nos próximos días volverase reunir o mesmo órgano para avaliar e clasificar as ofertas económicas como trámite previo á adxudicación.

O contrato ten unha duración de dous anos (con posibilidade de dúas prórrogas de un ano) e presenta un orzamento base de licitación de 68.504,41 euros por cada unha das anualidades a financiar integramente con fondos municipais.

A empresa que resulte adxudicataria deberá dotar á praia de Caión con sete socorristas máis un coordinador, polo serán un total de oito efectivos os que formen o equipo. En todo momento na praia deberá estar presente un socorrista que dispoña do título de patrón de embarcación.

O servizo de socorrismo, salvamento, vixilancia e primeiros auxilios estará operativo na praia de Caión do 15 de xuño ao 15 de setembro, todos os días entre as 12:00 e as 20:00 horas.

A adxudicación deste contrato por parte do Concello garantirá a prestación dun servizo de alta calidade durante o verán para que veciños, visitantes e turistas poidan desfrutar da praia de Caión coa máxima garantía de seguridade.