O Concello da Pobra do Caramiñal renova o seu compromiso con don Victoriano García Martí, representante da intelectualidade libre pensadora da primeira metade do século XX. Autor prolífico e promotor da galeguidade alí onde tivese foro de opinión pública ou responsabilidades, este pobrense ilustre escribiría textos literarios, políticos, filosóficos, divulgativos de intereses turístico e cultural, xornalísticos, nos que transmite a súa vocación europeísta, a súa reivindicación da unidade atlántica e o seu ideario republicano de carácter moderado.
Especialmente activo e militante nas décadas de 1920 e 1930, tendo sido un dos persoeiros galegos máis influentes nos círculos de debate de Madrid e as súas meditacións e ensaios publicados asuntos de permanente actualidade, sufriría as consecuencias do golpe de estado perpetrado contra o orde constitucional en 1936; sucesivamente, penado con anos de cadea durante a Guerra Civil e depurado profesionalmente durante a ditadura. Sometido ata o fin da súa vida a unha auto censura intelectual para sobrevivir.
As actividades organizadas pola Concellaría de Cultura a través do Museo Valle-Inclán, a institución depositaria dos fondos manuscritos, bibliográficos e fotográficos cedidos pola familia de García Martí, están programadas para esta primeira fin de semana de abril.
O venres, 5 de abril, o grupo de música tradicional “Os Caraveiros” percorrerá as prazas e rúas da vila durante a tarde. Ás 19:00 h terá lugar a ofrenda cívica no busto de don Victoriano situado na praza que lembra o seu nome e, de seguido, ás 19:30 h inaugurarase a mostra “Memorias admirables do «El Duque de Él», escolma de imaxes e de citas en admiración súa de persoeiros da cultura de Galicia, da que é comisario Antonio González Millán.
O sábado, 6 de abril, e xa no auditorio do museo, ás 19: 00 h, será a ocasión dunha lectura pública de textos do autor sobre A Pobra do Caramiñal e, ás 19:30 h, da presentación da novela «¡Una más!…» (1932), edición facsimilar, coa intervención do profesor e crítico literario Xesús Laíño Briones-Arén. Publicación da que as persoas asistentes recibirán un exemplar de balde.
Durante o acto de prensa para informar deste ciclo a Concelleira da Cultura, Patricia Lojo Nine, expresou o compromiso do departamento que xestiona e do Concello co xenio intelectual e a figura de García Martí, fillo predilecto da Pobra do Caramiñal. Pola súa banda o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González Millán, incidiu en que se trata dunha iniciativa posta en marcha fai cinco anos coa intención de recuperar a memoria dun gran intelectual e de dar a coñecer as súas obras. Coincidindo os intervintes no desexo que con estes actos se contribúa a promover a investigación sobre o autor.