Sunday 06 de October de 2024

Constitúese a Comisión Especial para crear unha empresa municipal de vivenda


O Concello de Santiago de Compostela está a dar os pasos necesarios para a creación dunha sociedade mercantil de capital integramente municipal que contribúa á necesaria mellora das condicións de acceso á vivenda e á rehabilitación e recuperación do patrimonio inmobiliario compostelán. O Goberno local entende que unha empresa pública é un instrumento fundamental para unha política efectiva en materia de vivenda.

En cumprimento do acordado polo Pleno da Corporación na sesión do 25 de novembro de 2021, a Secretaría requiriralles aos diferentes grupos municipais a designación de cadansúa persoa concelleira representante na Comisión Especial que se encargará da elaboración da Memoria xustificativa e da Proposta de estatutos da nova sociedade mercantil de capital integramente municipal. Esta Comisión, presidida pola Alcaldía, estará formada tamén por persoal técnico de Secretaría, Urbanismo, Asesoría Xurídica, Orzamentos e Intervención.

En paralelo a isto, a área de Urbanismo está a dar outros pasos necesarios para avanzar cara á creación desta empresa pública. Así, procederase proximamente á contratación do asesoramento técnico para a redacción da Memoria xustificativa esixible no procedemento de constitución da nova sociedade. Unha vez elaborada a Memoria e tras ser aprobada pola Corporación, exporase ao público por un prazo mínimo de 30 días naturais antes da aprobación definitiva do expediente (que incorporará o informe de Intervención) por parte do Pleno.

O obxectivo prioritario da nova sociedade mercantil de capital integramente municipal será a rehabilitación e recuperación do parque inmobiliario existente para a creación gradual dun parque de vivenda de titularidade municipal en réxime de alugueiro que contribúa a paliar o déficil habitacional. Tratarase, por tanto, dunha ferramenta ao servizo da mellora das condicións de acceso á vivenda e da preservación do patrimonio edificado. As súas actuacións no ámbito da promoción, posesión, xestión e administración do solo, da vivenda e dos equipamentos públicos desenvolveranse no marco dun modelo urbano que aposta pola recuperación e reutilización do parque residencial existente e guiaranse polos principios da sostibilidade, racionalidade, eficiencia, eficacia, calidade e equidade.

Os ámbitos espaciais de actuación preferente da nova empresa pública serán a Cidade Histórica (Plan Especial 1) e os barrios de iniciativa pública construídos na segunda metade do século XX.