As obras incluíron a construción dun itinerario peonil que aumenta a seguridade viaria na zona, onde os veciños e veciñas tiñan que camiñar pola calzada
O Concello de Boqueixón vén de rematar as obras de mellora da estrada que une as aldeas da Moa e A Pena, na parroquia de Loureda, nas que investiu 146.420 euros. Unha actuación que permitiu a construción dun itinerario peonil de 1,5 metros de ancho anexo á estrada.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, explica que se trata dunha actuación que “suporá unha importante mellora na seguridade viaria na parroquia xa que os veciños e veciñas de A Pena e A Moa carecían dun espazo para o tráfico peonil, polo que tiñan que camiñar pola calzada nos seus desprazamentos cotiás, xa que non existía sequera unha cuneta transitable. Agora dispoñen dun itinerario peonil para desprazarse con maior comodidade e seguridade”.
O novo itinerario peonil foi construído en pavimento de formigón coloreado de 15 centímetros de espesor. Baixo esta senda, executouse unha rede de recollida de augas pluviais con oito arquetas con sumidoiro e deixouse tamén lista a canalización para o alumeado público.
As obras incluíron a construción de tres muros de granito para contención de terras e, para garantir a seguridade dos peóns, instalouse tamén unha varanda de aceiro inoxidable nun tramo de desnivel. Así mesmo, mellorouse a capa de rodaxe dos 900 metros da estrada cun aglomerado en quente de 5 centímetros, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes. Os traballos completáronse co pintado da sinalización horizontal, pintado de liñas en bordes incluída, e a colocación de dous sinais de Stop.