Friday 22 de November de 2024

Estudios Abertos regresa o sábado 13 de abril, con 35 artistas da cidade que abrirán as portas dos seus talleres á cidadanía


Inés Rey destacou a aposta do Goberno municipal por achegar as distintas artes á cidadanía a través de eventos coma este

O Concello da Coruña organiza un ano máis a xornada de portas abertas Estudios Abertos, na que este ano participarán un total de 35 espazos da cidade. O evento cultural foi presentado esta mañá pola alcaldesa, Inés Rey, que estivo acompañada polo concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, e Luisa Valdés e Gosia Trebacz, en representación dos artistas, ademais de outros moitos titulares dos espazos participantes.

A xornada terá lugar o sábado 13 de abril, en horario de 11.00 a 21.00 horas. Participarán profesionais das diferentes artísticas: escultura, pintura, fotografía, ilustración, debuxo, cerámica ou multidisciplinar.

O acceso para a cidadanía é gratuíto e os estudios contarán con programación propia durante toda a xornada, que incluirá a participación de artistas convidados e outras sorpresas. “Os diferentes espazos nos que terá lugar esta xornada estarán espallados pola cidade, permitíndolle aos asistentes facer unha ruta percorrendo a cidade e seleccionar aqueles que máis lle interesen”, indicou Inés Rey.

O obxectivo desta xornada é coñecer de primeira man os artistas coruñeses, os seus centros de traballo e creación e os seus procesos creativos. Son todos eles e elas profesionais radicados na cidade e que desenvolven o seu traballo nela. “Desde o Concello apostamos por achegar as diferentes artes á cidadanía, e Estudios Abertos é a oportunidade perfecta para coñecer a artistas de diferentes disciplinas e o seu traballo”, sinalou a alcaldesa.

O detalle de todas as actividades paralelas desta edición irase dando a coñecer nas redes sociais de Estudios Abertos durante os vindeiros días. Entre as xa confirmadas, haberá recitais poéticos, visitas guiadas infantís, obradoiros de iniciación a distintas artes e música.