Os nenos e nenas de 6 a 11 anos interesados poderán participar no proceso de inscrición a partir deste xoves e venres
O Concello da Coruña organiza a edición número 19 de Durme no Fórum, que terá lugar o sábado 4 e o domingo 5 de maio no Fórum Metropolitano. Esta actividade, de grande éxito, reunirá a 180 nenos e nenas de 6 a 11 anos de idade, que poderán participar no proceso de inscrición a partir deste xoves 4 de abril ás 09.00 e ata o venres 5 de abril ás 20.00 horas.
Este ano a actividade levará por título ‘Misión Fórum: Rescate Imposible’. Os nenos e nenas participantes vivirán unha noite chea de sorpresas, xogos e retos na que poderán explorar todos os recunchos do Fórum Metropolitano e completar misións propostas polo persoal educador que os acompañará. O horario da actividade será das 19.00 do sábado ás 13.00 horas do domingo.
O Goberno de Inés Rey mantén a súa aposta por unha actividade de grande éxito entre os máis pequenos da cidade, que esgotan ano tras ano as prazas para asistir. As persoas participantes deberán asistir con roupa e calzado cómodos ou deportivos e un saco de durmir. A cota de inscrición será de 25 euros por participante, e inclúe a cea do sábado, o almorzo do domingo e os materiais para as actividades.
Ante a alta demanda, este ano a adxudicación das 180 prazas será por sorteo. A listaxe de prazas adxudicadas estará dispoñible na páxina web municipal o vindeiro venres 12 de abril ás 10.00 horas. Enviarase, ademais, un correo electrónico ás persoas con praza asignada, que terán ata o 15 de abril (antes das 10.00 horas) para aboar o importe da cota.