O Teatro Principal acollerá o xoves 11 de abril o acto de recoñecemento e entrega das principais honras e condecoracións do Concello: as medallas de Ouro da cidade e os títulos de fillo/as predilectos/as ou adoptivos/as. Recaerán en sete persoeiros cuxas traxectorais vitais e profesonais destacaron pola defensa de Compostela en distintos ámbitos. Hoxe, a alcaldesa de Santiago quixo salientar a do médico Ramón Baltar.
O Pleno municipal aprobou por unimidade o 10 de maio 2023 a declaración institucional para nomear o doutor Ramón Baltar Domínguez fillo predilecto da cidade a título póstumo. “Médico e director hospitalario da nosa cidade, a declaración destaca tanto a súa altura técnica e científica como cirurxián, que atraía pacientes desde distintos lugares do estado” como “a súa insistencia na defensa do carácter humanitario da Medicina”, lembrou a rexedora.
A declaración refírese a Ramón Baltar como “un exemplo de militancia cívica, comprometido coa loita pola democracia nos momentos máis difíciles e acollendo e protexendo a vítimas da ditadura” e recoñece o seu labor como “protector de artistas” e a súa participación en “proxectos de reconstrución da cultura galega na posguerra, como a recuperación da casa de Rosalía de Castro e o Padroado Rosalía de Castro, do que foi conselleiro”. Tamén foi historiador da Escola Médica santiaguesa e publicou varios ensaios sobre a historia dos hospitais da cidade e traballos científicos de cirurxía.
Goretti Sanmartín definiu este recoñecemento como “un acto de xustiza a unha persoa comprometida e moi ligada á historia desta cidade”.
Medallas de Ouro
O Pleno do 29 de febreiro de 2024 deu o visto e prace á proposta presentada polo Consello Asesor de Condecoracións para distinguir, por unanimidade, o outorgamento das Medallas de Ouro da cidade a Tareixa Navaza González e a Luís Pasín Liñares; así como ao nomeamento como Fillos predilectos de Santiago a Aurora Pereira Carballo, Aurichu, a título póstumo, e de Ezequiel Méndez Vidal; e como Fillos adoptivos a José Porto Buceta e, a título póstumo, a Manuel Quintáns Suárez.
Recoñecerase coa Medalla de Ouro de Santiago á xornalista Tareixa Navaza por ser “a voz dunha vida que nos fala da vida íntima da cidade e nos trae a memoria familiar dun tempo e dun país” e “comprometida coas reclamacións dun lugar para as mulleres e unhas liberdades para todas” e a Luís Pasín Liñares polo seu labor como “voz veciñal e militante entusiasta da democracia” que o converteu en “memoria do seu barrio de Conxo e memoria activa da cidade de Santiago.
Fillos/as predilectos/as e adoptivos/as
A pintora Aurora Pereira Carballo, Aurichu, recibirá o título de Filla predilecta a título póstumo pola súa traxectoria como artista plástica e como deseñadora de roupa e doutros obxectos á fronte durante máis de 25 anos da súa coñecida tenda ‘Xanela’ no corazón histórico da cidade. Esta honra tamén irá para o divulgador e activista cultural Ezequiel Méndez Vidal, por unha prolífica carreira como escritor, actor de teatro, impulsor dun cineclub, productor audiovisual e editor.
Serán nomeados Fillos adoptivos da cidade o sacerdote José Porto Buceta, polo seu “labor encomiable” durante máis de 50 anos como párroco no barrio de Sar “dedicado ás súas veciñas e veciños e, sobre todo, ás mozas e mozos de Sar” a o profesor Manuel Quintáns Suárez a título póstumo, pola súa “laboriosa obra dedicada ás humanidades, á narración oral, ao conto tradicional, ao refraneiro e á cultura popular”.
Goretti Sanmartín salientou que será un día de festa e recoñecemento “ben merecido” pois todas as persoas homenaxeadas “deron todo de si para facer unha cidade máis próspera, máis viva, máis crítica e máis feliz”.