As obras da avenida de Santa Cristina, que comezan esta semana pola zona máis próxima á glorieta, executaranse en 4 tramos, para causar os mínimos trastornos posibles á veciñanza, hostalería e comercio. Cada fase prevé completarse en dous meses, co que en novembro estaría rematada a obra.
Segundo os plans da empresa, van ir arranxando en paralelo as marxes dereita e esquerda da vía, sen cortar o tráfico, tratando de minimizar as molestias á mobilidade tanto peonil como motorizada. Nalgún momento pode chegar a modificar temporalmente o sentido dalgunhas rúas adxacentes, que serán sinalizadas como corresponde.
En canto aos lugares de aparcamento, irán deixando o máximo posible, se ben parte do espazo pode verse afectado polas necesidades da propia obra. Todos eses pormenores irán sinalizándose axeitadamente segundo avancen os traballos.
O Concello tratará de que os prexuízos á actividade económica sexan mínimos, co que establecerá unha coordinación entre a construtora e as empresas que utilizan o espazo público para instalar terrazas, co fin de que se reduzan ao mínimo as afeccións.
Desde o Concello solicítase a maior colaboración da veciñanza e do persoal das empresas do lugar durante a realización desta importante obra, que mellorará significativamente a paisaxe urbana de Santa Cristina.
Prégase reducir todo o posible o uso do coche particular, utilizándoo só cando sexa imprescindible tanto na avenida como nas rúas adxacentes, para que os traballos poidan desenvolverse con soltura e as molestias sexan mínimas. Nese sentido, o Concello volverá reclamar á Xunta de Galicia o funcionamento da liña de bus urbano 1-A a Santa Cristina, paralizada o pasado verán por parte da Xunta de maneira unilateral sen xusitificación.