O Concello de Brión vén de rematar as obras de mellora da estrada entre a Rúa Gondar (Pedrouzos) e o límite con Ames, pasando polas aldeas de Brans de Abaixo e O Enxo. Uns traballos nos que investiu máis de 60.000 euros e que permitiu a mellora de case dous quilómetros de viario, dividido en dous treitos de 1.120 e 780 metros, respectivamente.
As obras incluíron a reparación das fochancas existentes neste viario, moi empregado xa que discorre paralelo á Carballeira de Santa Minia. No primeiro tramo de 780 metros, correspondentes á rúa Gondar, o Concello mellorou a capa de rodaxe con 5 centímetros de aglomerado en quente. Nos 1.120 metros restante, entre as localidades de Brans de Abaixo e o Enxo, procedeuse tamén a anchear o viario en 0,25 metros a cada lado, con 20 centímetros de zahorra e 15 centímetros de grava. Deste xeito, o tramo máis empregado (o correspondente á rúa Gondar) mantense nos 5,5 metros de ancho mentres que o resto do viario pasa dos 4 aos 4,5 metros de ancho.
Estas obras están incluídas nun dos proxectos do Plan de Obras e Servizos POS+2023, adxudicado por 169.480 euros á empresa Francisco Gómez y Cía SL. Un proxecto que inclúe tamén a mellora da capa de rodaxe dun camiño entre Aguiar e San Fins e doutro en Ralo, que suman máis de 4,5 quilómetros.
Con esta actuación, o Concello de Brión complementa os traballos de mellora da rede de saneamento e abastecemento de auga na rúa Gondar, executados hai un par de anos e que consistiron na construción dun novo tramo de canalización de PVC de 250 milímetros ao longo duns 350 metros de lonxitude para dar servizo a vivendas que aínda non dispoñían del.