En vésperas do 21 aniversario do asasinato do xornalista José Couso polo exército de Estados Unidos en Bagdad, o Concello e a Asociación de Hermanos, Amigos y Compañeros de José Couso organizan un acto público para continuar reivindicando xustiza ante un crime de guerra que a xustiza deixou impune ata o momento. Será en Perillo, no parque que leva o seu nome, na rúa Cubelos, ás 12:00 horas.
Están previstas as intervencións de David Couso, irmán do reporteiro asasinado, do xornalista Alfonso Hermida e do alcalde, Ángel García Seoane. O cantautor César de Centi amenizará o acto coa súa música.
Na mañá do 8 de abril de 2003, o 64 batallón da 3ª división acoirazada dos EEUU ataca os 3 sinais que emitían en directo en Bagdad. Bombardean a sede de Al-Jazira, asasinando o produtor Tareq Ayoub, ametrallan a sede de Abu Dhabi TV, producindo decenas de feridos e, en ausencia de combates, disparan desde un carro de combate un proxectil de 120 mm de alto explosivo Heat á altura da planta 15 do Hotel Palestina, asasinando no acto o cámara Taras Prostyuck e ferindo de gravidade a José Couso. A gravidade das feridas fixo que non saíse da operación. Desde entón a súa familia non parou de esixir investigación e xustiza.