A orde do día do pleno desta semana non inclúe o punto, a pesar de terse adiado coa desculpa de ultimar os detalles
Os grupos da oposición aínda non teñen acceso aos pregos de contratación a pesar de terse publicado xa na prensa
O goberno de Rioboo incumpre, unha vez máis, a súa palabra e non trae a pleno os pregos dos novos contratos de limpeza de edificios municipais e de limpeza viaria. O pleno ordinario correspondente ao mes de marzo, que tiña que terse celebrado o martes pasado, día 26, foi adiado a esta semana tras ofrecer a desculpa de traer, así, o novo documento para a contratación do servizo. Máis non é así, o pleno adiado foi convocado para o xoves, día 4, e a orde do día non inclúe o esperado punto.
Os grupos da oposición aínda non teñen ningunha información sobre os pregos de contratación que presumiblemente están a piques de ser presentados, a pesar de que a prensa xa publicou amplos detalles. O BNG insiste na necesidade de acceder á documentación con tempo abondo para poder analizar a información e contrastar os servizos detallados coas necesidades reais da man da veciñanza usuaria, como poden ser ANPAS, equipos directivos de centros educativos ou asociacións que organizan a súa actividade nos centros sociais municipais.
O BNG leva anos reclamando de maneira urxente a licitación do novo contrato de limpeza, xa que leva máis dunha década co contrato vencido, prorrogándose de xeito irregular e con reparos de Intervención mensuais. Non podemos aceptar que despois deste retraso o proceso se faga ás presas, de forma escurantista e sen informar claramente do novo servizo. É o momento clave para asegurar un servizo público de calidade para a cidadanía e respectando os dereitos das persoas traballadoras.