Trátase dunha asistencia aberta a toda a veciñanza maior de 60 anos, con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade socioeconómica
A prestación ofrécese nunha sala habilitada na Casa Consistorial os luns e martes en horario matinal e os mércores pola tarde
O Concello de Paderne retoma desde hoxe, 1 de abril, o servizo de Podoloxía gratuíta. A prestación xa foi ofrecida desde setembro ata decembro do ano 2023 e agora regresa mantendo as súas condicións para completar a firme aposta do equipo de goberno municipal por uns Servizos Sociais de calidade.
A Podoloxía é unha asistencia sen custo algún para as persoas que o soliciten. O servizo está aberto a maiores de 60 anos que non realicen actividade laboral. A maiores, a condición da idade desaparece para ofrecer tamén tratamento a persoas con discapacidade e dependencia recoñecidas ou en situación de vulnerabilidade socioeconómica.
A prestación ofrécese nunha sala habilitada na Casa Consistorial os luns e martes en horario matinal, ademais das tardes dos mércores. A maiores, no caso de que o usuario ou usuaria en cuestión teña problemas de mobilidade, a asistencia pode ofrecerse no domicilio particular.
Para solicitar esta prestación, os interesados e interesadas poden contactar coa área de Servizos Sociais ou chamando directamente ao Concello.
“Apostamos de novo por esta iniciativa porque consideramos que Paderne debe contar cos mellores servizos posibles para a súa veciñanza. Este Concello debe ser un lugar cómodo para vivir e que se preocupe pola súa xente”, apunta a concelleira de Servizos Sociais, Marisa Abrodos. “A Podoloxía únese ao préstamo de equipamento técnico asistencial de todo tipo, pero tamén a iniciativas que facemos ao longo do ano para asistir aos nosos e as nosas maiores e as persoas con necesidades de todo tipo”, recalca Abrodos.