● A empresa Rede Aberta instalará fibra neutra en todas as zonas, tanto rurais como urbanas, do municipio.
● O programa ÚNICO garante unha conexión de 100 mbps en 2025.
O programa ÚNICO do Ministerio e Asuntos Económicos e Transformación Dixital levará unha conexión a internet de calidade a todos os domicilios de Miño a través da empresa Rede Aberta. Así, levará fibra neutra (isto é, válida para contratar con calquera operadora) a todas as zonas do municipio.
Trátase dunha iniciativa da Axenda España 2026 para eliminar a fenda dixital entre as zonas urbanas e rurais, garantindo unha conectividade moderna cun mínimo de 100 mbps en 2025.
En Miño xa comezaron os traballos, que estarán finalizados antes do verán, dando a posibilidade a todo o mundo de ter internet de alta velocidade. Aqueles veciños e veciñas que aínda non dispoñan de servizo de fibra óptica e pensen que non van chegar á súa casa por estar illada poden poñerse en contacto co Concello a través do correo comunicacion@concellodemino.gal.
Deberán facilitar o seu nome, dirección e a referencia catastral da vivenda ou as coordenadas GPS. Posteriormente, o Concello trasladarallo á empresa para que instalen a fibra.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, destaca a importancia de “ter unha conectividade a internet moderna en todo ou concello, pois este tipo de servizos axúdannos a continuar co incremento de poboación logrado nestes últimos anos”. Incide en que “hoxe en día é básico dispor dunha boa conexión dende as casas, estean en zona urbana ou rural. Cando a instalación estea rematada, Miño será un concello aínda máis atractivo para vivir”.