Saturday 16 de November de 2024

A asociación Acadar e o Concello de San Sadurniño organizan obradoiros de autoestima para mulleres con discapacidade


A actividade, que é gratuita, desenvolverase os mércores de 10:00 a 13:00h na Casa da Xuventude

Acadar é unha entidade sen fins de lucro fundada en 2009 para promover a igualdade de oportunidades das mulleres con discapacidade. Unha das súas liñas de traballo é a formación e a sensibilización, que se desenvolve por medio de obradoiros que abordan distintos aspectos, como son o empoderamento, a saúde ou a sexualidade, entre outros. San Sadurniño acollerá a partir deste mércores 3 de abril un ciclo de oito xornadas que estará centrado na autoestima. Trátase dunha acción gratuíta que require inscrición previa a través do correo veronica.perez@sansadurnino.gal ou do teléfono 673 903 922.

A actividade ocuparase de traballar sobre o autocoñecemento -como nos percibimos, descubrir as nosas capacidades e aptitudes, etc- para, a partir de aí, mellorar a autoestima como parte fundamental das relacións sociais, do camiño para a integración laboral e da autonomía persoal.

A asociación Acadar desenvolve esta actividade no marco do seu programa Enrédate, cofinanciado pola Xunta e o Fondo Social Europeo, que xa leva varios anos en marcha noutros municipios galegos.

O proxecto nace, segundo a entidade, “da necesidade de promover a igualdade das mulleres con discapacidade, especialmente daquelas que viven en zonas pouco poboadas”, co obxectivo de “potenciar as capacidades e competencias das participantes para o desenvolvemento dunha vida autónoma e, polo tanto, incrementar o seu benestar social e persoal, incidindo na mellora da autoestima”.

En San Sadurniño, o obradoiro de autoestima para mulleres con discapacidade repartirase en 8 sesións que terán lugar na Casa da Xuventude de San Sadurniño todos mércores de 10:00h a 13:00h a partir deste 3 de abril.

É unha actividade totalmente gratuíta, pero fai falla inscrición previa contactando co servizo de Educación Familiar no 673 903 922 ou no correo veronica.perez@sansadurnino.gal