Friday 22 de November de 2024

A Economía social dará a coñecer os seus produtos e servizos da man da Xunta no Fórum Gastronómico


Empresas do sector cárnico, lácteo, vitivinícola, hortofrutícola e doutras actividades agroalimentarias exporán o seu xénero nun espazo propio que leva ao recinto Expocoruña a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade levará ao próximo Galicia Fórum Gastronómico, que se celebra na Coruña os próximos días 7, 8 e 9 de abril, un expositor no que dará a coñecer as fórmulas da economía social para o emprendemento e servirá como escaparate de produtos e servizos que ofrece o cooperativismo na comunidade.

O stand deste departamento autonómico dará cabida un ano máis a oito cooperativas que exporán os seus produtos cárnicos (Tres Fuciños e Verín Biocoop), hortofrutícolas (Milhulloa e Terras da Mariña), lácteos e derivados (Productores del Campo de Capela e Gaia), vitivinícolas (Bodegas Eidosela) ou salsas (A Factoría do Lume).

A Administración autonómica quere aproveitar o Fórum, que se celebra no recinto Expocoruña da cidade herculina, para contribuír á promoción das empresas da economía social, cun espazo propio no que acceder ao público en xeral e aos profesionais da gastronomía congregados. Achegará tamén información sobre estas entidades con gran presenza na comunidade e dará a coñecer de primeira man o compromiso de todas elas co emprego igualitario e de calidade e co territorio.

A nova edición do certame disporá de 200 expositores contará coa presenza de máis de vinte estrelas Michelín, e un espazo feiral no que estarán representadas grandes empresas, pequenos produtores e artesáns alimentarios.