Friday 22 de November de 2024

Carballo é unha das 65 sedes españolas do festival internacional de divulgación científica Pint of Science


Unha das principais características do festival é que se celebra nos bares para intentar achegar a ciencia a todos os públicos

O festival celebrarase os días 13, 14 e 15 de maio, de xeito simultáneo en máis de vinte países de todo o mundo

Pint of Science, o festival de divulgación científica que propón un encontro entre investigadores/as e público nos bares, chega por primeira vez a Carballo. O noso concello será un dos 65 de toda España que encherá os bares de ciencia os días 13, 14 e 15 de maio, nun evento que se celebrará de xeito simultáneo en máis de vinte países de todo o mundo.

O festival Pint Of Science é un evento de índole internacional que convida as persoas investigadoras da localidade ou que desenvolven a súa actividade profesional na nosa contorna a compartir os seus coñecementos contigo nun ambiente relaxado e distendido: o bar.

En Carballo contaremos con tres establecementos colaboradores e cun nutrido grupo de investigadores e investigadoras cuxas identidades daremos a coñecer nos vindeiros días. O que xa podemos contarvos é quen integra o equipo organizador: Iván Andrade Tasende, concelleiro de Innovación, Fondos europeos, Formación, Emprego e Axenda Urbana; Verónica Bolón Canedo, enxeñeira e doutora en Informática, investigadora e experta en IA, e Cristina Abelleira Martínez, responsable de comunicación do Concello de Carballo.

En España, a iniciativa articúlase desde a “Asociación de Divulgación Científica Pint of Science España”, creada co propósito de organizar este festival, e con sede social na localidade de Mojácar (Almería).