O servizo municipal de limpeza viaria non só se encarga de ter nas mellores condicións posibles as rúas e beirarrúas urbanas co traballo que o persoal do centro especial de emprego Aspaber UTE desenvolve a diario, senón que, con distintas periodicidades, tamén asume outro tipo de tarefas como a limpeza das sendas ciclo-peonís, fontes e lavadoiros, papeleiras e soares ou rozas coma as que está a facer desde hai xa algúns meses en todos os aparcadoiros gratuítos da zona urbana.
O traballo do servizo municipal de limpeza viaria tamén inclúe limpezas puntuais de pintadas, manchas ou vertedoiros incontrolados, e o mantemento de bancos, maceteiros, soportes e maquesiñas. Nestas últimas está a traballar estes días o persoal de Aspaber UTE, co obxectivo de poñer a punto as 139 marquesiñas que temos repartidas polo municipio. Os labores consisten na roza da contorna da marquesiña, o lavado con máquina a presión e a retirada de pintadas ou carteis.
Lembra que se detectas calquera tipo de dano no mobiliario urbano podes notificado ao Concello de Carballo por diferentes vías, pero recomendámosche usar a APP de incidencias que podes descargar en calquera dispositivo e que che permitirá facernos chegar a posición concreta e mesmo unha foto do elemento danado.