A concelleira de Turismo, Diana Sobral, recibiu os equipos xuvenís no Palacio de María Pita, que comezarán a competir esta mesma tarde
A Coruña acollerá hoxe e mañá, 28 e 29 de marzo, o desenvolvemento da II Copa Irene González Basanta, torneo internacional no que se darán cita catro equipos xuvenís femininos. A competición, organizada polo club Sociedade Deportiva Orzán en colaboración co Concello da Coruña, ten como obxectivo fomentar a visibilidade e formación das mulleres futbolistas.
A concelleira de Turismo, Diana Sobral, recibiu as xogadoras no Palacio de María Pita e desexoulles sorte nas competicións, que comezarán esta mesma tarde. “É un pracer recibirvos en María Pita, símbolo da cidade das mulleres que é A Coruña, e que reúne neste mesmo Salón de Plenos a Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro e María Pita” sinalou a concelleira.
O Real Madrid, Great Falls Reston, SL Benfica e o Orzán SD competirán na Cidade Deportiva Arsenio Iglesias – Campos da Torre polo trofeo Irene González Basanta, coruñesa pioneira do fútbol feminino en España. O Goberno de Inés Rey avanza así no posicionamento da Coruña como cidade de eventos deportivos de carácter internacional, contando con equipos de primeiro nivel coma o conxunto protugués Benfica SL ou o americano Great Falls Reston.
Calendario de competicións
Durante esta tarde terán lugar seis partidos de 30 minutos sen descanso, dende as 16.00 ás 19.45 horas. Comezarán o Real Madrid e Great Falls Reston ás 16.00 horas, seguidos do SL Benfica contra o Orzán SD ás 16.45 horas. Ás 17.30 o Real Madrid competirá contra o SL Benfica e ás 18.15 horas o Great Falls Reston contra o Orzán SD.
A xornada rematará coa competición entre os clubs nacionais, co partido entre o Orzán SD e o Real Madrid ás 19.00 horas, seguido dos internacionais ás 19.45 horas entre o Benfica SL e o Great Falls Reston.
Xa o venres 29 a partir das 10.00 horas comezarán as seminifinais, con dous partidos de 45 minutos sen descanso de acordo coa clasificación do xoves, entre o primeiro e o cuarto clasificado e o segundo e o terceiro. A final, entre os equipos vencedores, xogarase ás 13.00 horas.