Entre dependencia e libre concorrencia prestáronse 74.566,59 horas de SAF, que tiveron un custe total de 1,6 millóns de euros
O servizo municipal de axuda no fogar atendeu o ano pasado a 395 veciños e veciñas de Carballo: 333 con dependencia recoñecida pola administración competente, que é a Xunta de Galicia, e 62 que dispuxeron do servizo polo sistema de libre concorrencia. En total prestáronse 74.566,59 horas de SAF, cun custe de 1.630.500,17 euros.
O servizo de axuda no fogar para as persoas con dependencia recoñecida atendeu 88 homes e 245 mulleres, cun total de 71.252,59 horas efectivas de atención domiciliaria. O mantemento deste servizo supón un custe de 1.563.176,87 euros, que se financian coas achegas das persoas usuarias (173.037,96), da Deputación da Coruña (171.812,99 euros), da Xunta de Galicia a través do plan concertado (918.856,04 euros) e do propio Concello (299.469,88 euros). Cada hora de SAF para as persoas con dependencia acada os 21,94 euros de media.
O servizo de axuda no fogar ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións en que teñen limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestruturación familiar. As persoas que non teñan recoñecida a dependencia pero que reúnan unha serie de criterios técnicos que acrediten a súa necesidade, poden recorrer ao denominado SAF básico ou de libre concorrencia, que contou o ano pasado con 62 persoas usuarias (29 homes e 33 mulleres), e un total de 3.314 horas de atención a domicilio.
Neste caso, o Concello de Carballo asume a maior parte do gasto. O ano pasado destináronse a este servizo 67.323,35 euros, dos cales 5.942,50 corresponderon aos copagos dos/as usuarios/as (1,79 euros de media por hora), 10.119 euros á achega da Deputación da Coruña a través do denominado POS Social (3,05 €/hora), 10.446,93 ao plan concertado da Xunta de Galicia (3,15 €/hora) e 40.814,87 euros de achega municipal (12,32 €/hora).
O Concello de Carballo, que considera unha prioridade a atención á dependencia, está a traballar, en coordinación entre as concellarías de Servizos Sociais e Formación, e co apoio da Xunta de Galicia, na formación de profesionais na atención sociosanitaria a persoas dependentes. Neste momento está en marcha no Fórum Carballo un novo obradoiro de emprego do que sairán unha vintena de persoas cualificadas.