A cooperativa Dálle que Dálle atópase inmersa nun proxecto co obxectivo de crear unha ferramenta interactiva e intuitiva para o autodiagnóstico e a planificación estratéxica do impacto do cambio climático nas pequenas e medianas empresas dos servizos ecosistémicos da ría da Arousa. O seu nome: ESCLIMATIC.
Un dos entes colaboradores é a Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal, para a cal “é moi importante apoiar iniciativas desta índole que beneficien os negocios con actividades vinculadas ao mar, pois o sector do mar é moi importante para A Pobra do Caramiñal, tanto dende a perspectiva social coma dende a económica, debido á cantidade de emprego que xera de maneira directa e indirecta”, declara a edil Amparo Cerecedo. Engade que “este constitúe un paso máis no noso apoio a este sector” ao abeiro da cooperación establecida coa confraría para a diversificación da actividade desta.
Durante o proxecto aplicaranse métodos colaborativos para a identificación de estresantes e impactos presentes e futuros que afectan directamente as e os produtores primarios (mariscadoras/es, pescadoras/es, mergulladoras/es ou outras) para, posteriormente, deseñar unha estratexia de adaptación para toda a cadea produtiva que permita a colaboración entre os diferentes axentes.
Pero esta non é a única iniciativa coa cal a Administración local establece sinerxías coa dita cooperativa en materia de dinamización. En 2023 botou a andar “A todo piñón”: escola de segunda oportunidade do Barbanza, un proxecto formativo posto en marcha polo Concello, co apoio da comunidade educativa e o tecido empresarial, focalizado na mellora das competencias prelaborais e profesionais da xente moza de entre 16 e 30 anos de toda a comarca a través da mobilidade sostible e a economía circular, ao tempo que se busca contribuír á creación de emprego na localidade.