Friday 22 de November de 2024

Comeza a repoboación da Carballeira de Santa Minia coa plantación de oito novos exemplares


Procedentes dun viveiro de Abadín, as novas árbores teñen uns tres metros de altura e están perfectamente equilibrados entre copa e raíz, para facilitar o seu crecemento

A Carballeira de Santa Minia recibiu esta mañá a chegada de novos inquilinos: oito exemplares de carballo procedentes dun viveiro de Abadín que ocupan xa zona sur do predio, unha vez que esta zona quedou libre da praga de Armillaria mellea, fungo sen cura e mortal para esta especie que obrigou á retirada dunha ducia de árbores. Para iso, o Concello de Brión procedeu á retirada das árbores enfermas o pasado luns 11 de marzo e de toda a terra da zona, tamén contaminada por Armillaria.

Durante a semana pasada procedeuse a reposición con terra nova e ás 8:00 horas de hoxe iniciouse a plantación dos oito novos carballos. O alcalde de Brión, Pablo Lago, quen está seguindo puntualmente os traballos de repoboación da Carballeira de Santa Minia, explica que “de acordo coas recomendacións dos técnicos escollemos oito exemplares de pouco máis de tres metros de altura e que están perfectamente equilibrados entre copa e raíz, xa que así se facilitará o seu crecemento”.

De feito, onte mesmo procedeuse a aplicárselles un tratamento fúngico preventivo a todos eles, que foi reforzado hoxe durante a súa plantación. “Ademais, dispuxéronse dun xeito que poidan medrar e facer copas amplas de forma rápida ao non ter outros exemplares disputando o mesmo espazo”, comenta o alcalde brionés.

Unha vez plantados os novos exemplares, os técnicos comprobarán a súa correcta adaptación á carballeira brionesa. Será entón cando se proceda a analizar o resto de árbores da carballeira para coñecer o seu estado fitosanitario e determinar os seguintes pasos a seguir. E é que se o sumidoiro que atravesa a carballeira puido ser no seu día un problema para este enclave natural, neste momentos permite que as distintas áreas da carballeira poidan ser traballadas individualmente.

Os traballos de repoboación parcial da Carballeira de Santa Minia están sendo realizados por técnicos especialistas e foron autorizados o pasado mes de febreiro pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.