Saturday 16 de November de 2024

O “XXIII Trofeo de Baile Deportivo Cidade de Narón” e o “Campionato Galego de Standard” celebraranse o 7 de abril no polideportivo da Gándara


O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente do Club de Baile Deportivo Narón, Jesús Marcos, presentaron hoxe o “XXIII Trofeo de Baile Deportivo Cidade de Narón” e o “Campionato Galego de Standard. Santalla avanzou que este evento se desenvolverá o vindeiro 7 de abril no pavillón polideportivo da Gándara. “Trátase dunha das probas máis consolidadas a nivel autonómico e nacional, puntuable para o ranking nacional”, asegurou.
O trofeo disputarase en cinco modalidades: standard, latino, singles, caribeños e danza coreográfica, tal e como apuntou Marcos, que destacou a importancia da súa celebración, así como a do campionato autonómico de standard, na cidade. A convocatoria desenvolverase en horario de mañá e tarde, dende as 10:00 ata aproximadamente as 20:00 horas.
“Queremos agradecer a aposta do Concello de Narón por esta disciplina, que fai que a cidade sexa coñecida en todo o territorio estatal no ámbito do baile deportivo”, recalcou o presidente do Club de Baile Deportivo Narón.
Pola súa banda, o edil de Deportes, subliñou tamén a importancia de que a cidade acolla este vixésimo terceiro Trofeo de Baile Deportivo Cidade de Narón. “Narón é un referente a nivel nacional e tamén internacional no baile deportivo, unha modalidade que practican persoas de diferentes idades e na que celebramos ano tras anos os seus éxitos e logros”, recalcou.
Santalla animou á cidadanía a acudir a este evento, para animar aos deportistas locais que participarán no mesmo, aos que lles desexou moitos éxitos, e tamén ao resto de deportistas que se achegarán dende outras localidades.