A entidade volve asumir este ano a organización das probas de trote e andadura trala renovación da súa directiva
O Concello achega 6.000 euros, ademais de colaborar na loxística e na seguridade
A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e a nova presidenta da Asociación ecuestre 23 de Abril, Noelia Castro, asinaron hoxe o acordo de colaboración entre a entidade e o Concello para levar adiante a tradicional feira cabalar que se desenvolverá o día de San Xurxo. O convenio establece unha achega municipal de 6.000 euros para os gastos organizativos, pero tamén a axuda por parte do Concello no referido a equipamentos e na coordinación de seguridade. Pola súa banda, a asociación asumirá, entre outros cometidos, a preparación do recinto, o seguro da proba, unha segunda ambulancia e todos os aspectos relacionados co desenvolvemento das actividades do evento. Deste xeito, o colectivo volverá encargarse da cita ecuestre en 2024 despois de renovar a súa directiva e despois de que o ano pasado a feira estivese organizada polo Concello.
De acordo co documento asinado hoxe na casa consistorial, a Asociación ecuestre 23 de Abril, como entidade organizadora, levará todo o referido ás distintas probas de trote e andadura -cronometraxes, xulgamentos, etc.-, o control dos animais inscritos, incluídos os aspectos sanitarios, así como a xestión dos postos que acoden exclusivamente a esta cita co mundo equino e non ao resto de feiras mensuais que teñen lugar en Moeche. Ademais, segundo o convenio, a entidade deberá asumir a contratación dunha póliza de seguros que cubra as posibles responsabilidades que se puideran derivar do evento, a presenza dunha ambulancia medicalizada de apoio e, alén doutros compromisos, tamén a montaxe, desmontaxe e limpeza do espazo ao remate do evento.
Pola súa banda, a Administración local xestionará a solicitude dos valados de protección cos que se delimitará a zona das probas, ademais de de tramitar a autorización da Deputación -parte da feira ocupa unha vía provincial- e solicitará da Subdelegación do Goberno a colaboración da Garda Civil, así como a axuda de varias agrupacións de Protección Civil da comarca no dispositivo de seguridade. O Concello tamén colaborará coordinando coa veciñanza a cesión de espazos para estacionamento e para a propia feira, xunto coa contratación dunha segunda ambulancia e dunha inserción publicitaria nun medio de comunicación.
Ademais desta colaboración loxística, a Asociación ecuestre 23 de Abril recibirá 6.000 euros en concepto de subvención nominativa municipal. A metade dese importe farase efectiva trala sinatura do convenio e a outra metade no momento da xustificación dos gastos, que a entidade deberá presentar o 30 de novembro como moi tarde, a menos que obteña unha prórroga por razóns debidamente xustificadas.
Tras firmar o acordo de colaboración, a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, destacou o feito de que a Asociación ecuestre 23 de Abril “volva coller as rendas da feira cabalar” despois de renovar a súa directiva. Cómpre lembrar que a cita de 2023 estivo organizada directamente polo Concello “coa axuda inestimable de moitas das persoas que formaban e aínda forman parte da entidade”. Bascoy felicitouse de que a asociación “teña asegurada a súa continuidade con xente nova, algunha moi nova”, a quen a rexedora lles desexou “sorte nesta nova andaina e no compromiso que adquiren, para o que sempre contarán co apoio do Concello”.