As persoas interesadas dispoñen ata o 11 de abril para formalizar as súas solicitudes
O Goberno de Inés Rey mantén a gratuidade da matrícula, medida pioneira en Galicia
O Concello da Coruña abrirá este mércores, 27 de marzo, o proceso de admisión para novos ingresos da Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM) de cara ao vindeiro curso 2024-2025. Esta mañá publicáronse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases reguladoras de dito proceso, que establecen un prazo de 10 días hábiles para formalizar as solicitudes. Por tanto, as persoas interesadas poderán facelo ata o vindeiro 11 de abril.
Por terceiro ano consecutivo, as familias dos nenos e nenas que sexan admitidas na REIM terán garantida a gratuidade do servizo, unha medida posta en marcha polo Goberno de Inés Rey e que foi pioneira en Galicia. As Escolas Infantís Municipais disporán este ano dun total de 680 prazas, das que 344 xa se reservaron para alumnos que renovan a súa matrícula.
Nesta convocatoria ofertaranse un total de 336 prazas distribuídas nos oito centros municipais da cidade. Haberá 114 vacantes nas aulas de cero a un ano, 114 nas de un a dous anos e 108 nas de dous a tres anos. Toda a documentación necesaria e a información sobre o proceso pódese atopar na páxina web: www.coruna.gal/educacion. A solicitude deberase facer en liña a través da seguinte ligazón.
No proceso que se abre este mércores para novos ingresos nas Escolas Infantís Municipais haberá unha modalidade de carácter preferente, na que se atopan os nenos e nenas con pai ou nai que prestan servizo nalgún dos centros, os que teñan irmáns ou irmás con praza reservada para o vindeiro curso, menores tutelados, fillos e fillas de mulleres que estean en centros de acollida ou sexan vítimas de violencia de xénero ou menores en situación familiar de risco. Por outra banda, as restantes solicitudes terán un carácter ordinario. Poderán solicitar praza na REIM nenos e nenas cunha idade mínima de 3 meses o día de inicio do curso e que non cumpriran os 3 anos o 31 de decembro do 2024.
Terán preferencia na adxudicación de prazas os nenos e nenas empadroadas no Concello da Coruña en primeiro lugar, os fillos de pais e nais que desenvolvan a súa actividade profesional no termo municipal da Coruña pese a estar empadroados noutro concello en segundo lugar e, por último, os nenos empadroados en outros concellos. En caso de que haxa máis solicitudes que prazas, establecerase un sistema de puntuación en función da situación sociofamiliar, sociolaboral e económica das familias. En caso de empate final, levouse a cabo un sorteo que determinou que terán prioridade no primeiro apelido os comezados polas letras V e T e no segundo os comezados por Z e A.
Calendario de admisión nas Escolas Infantís Municipais para o curso 2024/2025
● Prazo de solicitude de novos ingresos: Do 27 de marzo ao 11 de abril
● Publicación das listaxes de admitidos e non admitidos: 26 de abril
● Prazo de subsanación de documentación: Do 29 de abril ao 13 de maio
● Publicación das listas provisionais: 28 de maio
● Prazo de reclamacións e alegacións: Do 29 de maio ao 11 de xuño
● Listaxe definitiva de admitidos: 14 de xuño
● Matrícula: Do 17 ao 21 de xuño
● Inicio do curso: 6 de setembro