Distintos departamentos municipais, xunto con empresas concesionarias de servizos, procederon á limpeza e acondicionamento da contorna do Estadio Vero Boquete, en San Lázaro, que amoreou 70 toneladas de terra e materiais na zona de aparcadoiro.
Segundo explicou o concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, realizouse unha intervención coordinada de limpeza de superficie, de redes de saneamento, de roza de vexetación, adecuación do pavimento, retirada de grava e de substitución de papeleiras de 50 litros nos socalcos do estadio, que se complementará coa reposición de muros, reparación de varandas e de beirarrúas.
En concreto, na zona dos aparcadoiros enchéronse un total de 14 camións con materiais acumulados, cun peso 70 toneladas, e por parte de Viaqua revisáronse e desatascáronse a reixas de recollida de pluviais con medios mecánicos e auga a presión.
Ademais, na zona do estadio desde Vías e Obras procedeuse ao asfaltado das zonas en peor estado e elaborouse un estudo de necesidades para futuras actuacións.
Outras tarefas que se desenvolverán desde Parques e Xardíns e Vías e Obras son a retirada de chopos que teñen comprometidos os muros de contención, a reposición de muros, a reparación e reposición das varandas metálicas e o seu posterior pintado, xunto coa renaturalización da beirarrúa levantada polo crecemento das árbores para deixar un pavimento permeable.
O concelleiro destacou “a boa coordinación desta intervención, organizada de xeito transversal entre distintos servizos municipais” e agradeceu o persoal que participou “para conseguir esta limpeza na contorna do estadio de San Lázaro, un espazo moi concorrido que agora está en mellores condicións para a veciñanza”.
Desde Parques e Xardíns desprazáronse durante as últimas semanas para esta intervención un total de 11 persoas, 2 camións, 1 pa, 1 tractor, 3 camionetas, sopradoras e diversa ferramenta manual. Por parte de Urbaser desprazáronse 6 brigadas de limpeza, 4 equipos de varrido de calzadas e beirarrúas, 2 equipos lavabeirarrúas ao redor do anel do estadio, 2 equipos de mantemento para a colocación de papeleiras, 2 camións de recollida de carga traseira e 1 mando de coordinación.