Saturday 16 de November de 2024

O alcalde de Fene e a inspectora de Educación serán os primeiros convidados ao programa “Contamos” do Colexio Centieiras


A equipa directiva e o claustro do centro fenés impulsan esta actividade que terá continuidade ao longo de todo o curso

Abrir o centro á comunidade educativa, estreitar lazos coas institucións e sociedades e propiciar “que o colexio e o seu alumnado sexan tidos en conta na ampla comunidade educativa”. Son os principais obxectivos do programa “Contamos” que este venres comeza no CEIP Centieiras de Fene. O proxecto, impulsado pola dirección e o claustro do colexio, contará na súa primeira sesión coa participación do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e da inspectora de Educación, Elena Urtiaga.

Neste inicio do programa “Contamos”, Juventino Trigo e Elena Urtiaga relatarán un conto ao alumnado de Educación Infantil na biblioteca de Centieiras para, posteriormente, realizar unha visita en profundidade polas instalacións do centro. Ao remate do percorrido, o alcalde de Fene e a inspectora de Educación, recibirán como agasallo pola súa colaboración uns lenzos pintados polo alumnado de 6º de Educación Infantil con referencias ao concello de Fene e ao CEIP Centieiras.

Segundo explican dende a dirección do colexio, “o CEIP Centieras de Fene é un centro educativo público con vocación de inserción real na comunidade”. Por este motivo “a equipa directiva está a impulsar iniciativas que potencien a apertura mesmo á comunidade educativa e o estreitamento de lazos coas distintas instancias de especial relevancia no desenvolvemento do proxecto educativo do colexio”. Neste contexto enmárcase o programa “Contamos” que comeza este venres pero que terá continuidade ao longo de todo o curso escolar “coa participación de representantes da Deputación Provincial, do Concello de Fene ou de asociacións e entidades de diferentes ámbitos do municipio”.