PRAZO DE SOLICITUDE ABERTO ATA O 30 DE ABRIL
As persoas que tiñan solicitado nichos terán preferencia pero deberán confirmar que seguen interesados en adquirilos
O Concello de Carballo pon en marcha o procedemento de adxudicación de nichos e columbarios no cemiterio municipal. O prazo de solicitude abriu hoxe, coa publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP), e as persoas interesadas poderán facer o trámite ata o 30 de abril. Esta primeira fase da ampliación do cemiterio inclúe 720 nichos e 96 columbarios.
O Concello de Carballo non realizaba adxudicacións masivas de concesións de nichos desde o ano 2002, polo que desde o 2003 recibíronse un total de 339 solicitudes (anexo I). O procedemento de adxudicación realizarase do seguinte xeito:
• As persoas que xa tiñan pedido nichos terán preferencia na adxudicación, que se realizará por orde de solicitude, pero deberán confirmar que seguen queréndoos.
• As persoas que non tiñan solicitado previamente, poden facer agora o trámite, xa que, ademais dos nichos que se adxudicarán neste proceso, elaborarase unha listaxe de reservas para futuras adxudicacións.
En ámbolos dous casos debe utilizarse o modelo de solicitude que, xunto co resto da documentación, podes descargar aquí.
O proxecto completo de ampliación do cemiterio inclúe 456 panteóns con 1.824 nichos e de 256 columbarios distribuídos en 64 columnas. O goberno municipal pretende acometer a segunda fase o antes posible para poder atender a gran demanda.
Nestes momentos tamén está en exposición pública o borrador do regulamento do cemiterio municipal, que podes consultar pinchando aquí.