A Xunta de Goberno Local tamén aprobou definitivamente a expropiación dos terreos afectados pola vía do polígono á estrada de Razo
A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria deste luns o proxecto de urbanización da parcela destinada ao centro de saúde. As obras teñen un orzamento de 173.623,17 euros, e o prazo de execución está establecido en sete meses. Os propietarios afectados poderán consultar o expediente na sede electrónica do Concello de Carballo e disporán de 10 días para formular as alegacións que consideren oportunas.
Tamén foi aprobado, neste caso de xeito definitivo, o proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta para a execución da vía que enlazará o polígono de Bértoa coa rotonda da estrada de Razo. O expediente afecta a tres parcelas, nunhas superficies de 203, 203 e 89 metros cadrados. O Concello de Carballo estimou parcialmente as alegacións presentadas pola persoa titular dunha das fincas. Os pagos realizaranse o 25 de abril, ás 11.00 horas, na casa do concello.
Entre os acordos adoptados pola Xunta de Goberno Local tamén figura a aprobación do programa Aprende a través do surfing, promovido pola Federación Española de Surf, no que participarán 390 escolares de primaria.
Por outra banda, o goberno municipal iniciou os procedementos de contratación relativos ao renting de dous vehículos para a Policía Local, por un valor estimado de 95.254,84 euros para 48 meses, e das obras de aglomerado da vía de Arnados (Razo) a Sambade (Rebordelos), por un importe de 576.614,01 euros.