Friday 22 de November de 2024

Izada a Bandeira Sendeiro Azul 2024 no Sendeiro de Saldoiro de Caión


O itinerario que recibe o galardón é o tramo entre a praza Eduardo Vila Fano e o arroio Figueirido.

A bandeira Sendeiro Azul deste ano 2024 xa loce en Caión despois de que o alcalde, José Manuel López Varela, procedese a realizar o seu izado este mediodía.
O distintivo é outorgado pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) para recoñecer o papel das sendas e camiños de acceso ás praias, neste caso o Sendeiro de Saldoiro, como valiosos recursos para a interpretación ambiental, o desfrute da natureza e a realización de actividades deportivas e de ocio ao aire libre.
Este é o undécimo ano consecutivo que obtén o recoñecemento o tramo do paseo marítimo de Caión de 1,5 quilómetros de distancia que vai desde a praza Eduardo Vila Fano ata o arroio Figueirido.
En toda España hai 128 Sendeiros Azuis, dos cales 49 son itinerarios galegos pertencentes a 27 concellos diferentes, 8 deles na provincia da Coruña.
Ademais do Sendeiro Azul, o Concello da Laracha tamén presentou candidaturas a ADEAC para repetir en 2024 os recoñecementos de Bandeira Azul da praia de Caión e de Centro Azul de Educación Ambiental para o Museo dos Muíños de Golmar.