O que naceu como unha festa familiar da parroquia gaña cada ano centos de adeptos entre a mocidade da comarca de Ordes, Santiago, Arzúa, Betanzos e Terra de Melide
A XVII Festa da Merenda de Aiazo (Frades) foi unha das máis concorridas da historia desta celebración, que comezou hai dezasete anos como unha homenaxe a un produto dos tempos da fame e que se ten convertido nunha das festas que máis mocidade reúne en toda a comarca. Milleiros de persoas ateigaron dende o mediodía a área recreativa de Aiaza onde, a pesar do amplo espazo para aparcar e da boa organización por parte da asociación de veciños Os Pasos, as colas foron as protagonistas tanto das primeiras horas da festa como momentos antes da verbena coa orquestra París de Noia, fiel á Mereda de Aiazo como en edicións anteriores.
O tempo acompañou, cun sol e unhas temperaturas máis propias do verán que fixeron que moitas das persoas presentes estiveran mesmo en manga curta. A maiores, a ausencia de precipitacións durante a semana permitiu que a área recreativa estivera totalmente ocupada por tendas e xantares de familias e, sobre todo, grupos de amigos.
Porque o que comezou sendo unha festa nocturna dunha parroquia e dirixida a persoas de mediana e avanzada idade, converteuse nos últimos anos nunha festa de todo o día dirixida a mozos e mozas. De feito, os grupos de amigos chegados de distintos concellos da comarca e de fóra dela (Santiago, Arzúa, Melide, Betanzos…) desfrutaron da música da orquestra París de Noia, do Grupo Unión y Fuerza e da Charanga BB+.
Degustación
A festa, organizada pola Asociación de Veciños “Os Pasos” en colaboración o Concello de Frades, comezou puntualmente ao mediodía, momento no que unhas 30 cociñeiras e unha ducia de axudantes comezaron a cociñar as máis de 1.000 tortillas de masa que se repartirán durante toda a xornada. A base das merendas é común para todas (ovos, auga e fariña), pero despois cada cociñeira deulle o seu toque persoal tanto polo grosor da tortilla, o seu tempo de cociñado ou por se as acompaña ou non de torriscos (láminas de touciño de porco).
Ademais das degustacións gratuítas, a organización continuou un ano máis coas vendas de merendas para levar a casa en caixas de pizza, co logotipo da Festa da Merenda e que se vendían a 3 euros unha merenda e a 5 euros dúas. De feito, entre as novidades deste ano, ademais dun photocall da Festa da Merenda, figura este logotipo da “Merenda de Aiazo” en cor maxenta e do debuxo dunha cociñeira. Un logotipo que se repartiu en pegatinas e nun gran cartel á entrada do recinto.
A maiores, este ano estreouse tamén unha “Tenda da merenda”, emprazada onde se serven as merendas onde se podían mercar produtos relacionados coa festa: un pano rosa conmemorativo (1,5 euros), camisetas brancas co cartel da merenda (10 euros) e camisetas negras do ano pasado (5 euros).
O alcalde de Frades, Roberto Rey, felicitou a todas as persoas da asociación polo seu excelente traballo e que permiten que esteamos “ante unha das grandes festas gastronómicas que se fan en Galicia grazas a produto tradicional e ao cariño e traballo co que o elaboran estas cociñeiras”.