Friday 22 de November de 2024

A I Bandeira de Bateis e o XXV Trofeo de Bateis Cidade de Narón reunirán na cidade a algo máis de medio milleiro de deportistas


O Concello naronés colabora co Club de Remo Narón na organización da I Bandeira de Bateis e o XXV Trofeo de Bateis Cidade de Narón, que se disputará este xoves, día 28, na enseada da Gándara, a partir das 16.30 horas. O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou o evento acompañado por Ignacio Cabana, directivo do Club de Remo Narón.

Cabana avanzou que participarán no evento máis dun centenar de bateis e algo máis de medio milleiro de deportistas procedentes de clubs de diferentes concellos galegos. A maiores do anfitrión, o Club de Remo Narón, competirán neste trofeo, no que tamén participarán clubs procedentes de Ferrol, Mugardos, Muros, Celeiro, A Pobra, Ribeira, Cabo de Cruz e Rianxo, entre outros. Disputaranse as categorías serán de alevíns, que percorrerán 500 metros, as de infantís 1.000, cadetes 1.500 e xuvenís e sénior masculino e feminino 3.000. Cabana agradeceu o respaldo do Concello de Narón a este evento deportivo.

Pola súa banda, o edil de Deportes de Narón destacou o traballo que realiza ao longo de cada tempada o Club de Remo Narón e desexou aos seus deportistas moita sorte neste trofeo, animando á cidadanía a acudir a animar a esta convocatoria, que o ano pasado se cancelou por mor do mal tempo.