Friday 22 de November de 2024

O Concello de Moeche mellorará a pista da Casabranca con cargo ás axudas do Plan Marco de camiños da AGADER


O proxecto está orzamentado en 66.800 euros

O Concello de Moeche volverá beneficiarse este ano do Plan Marco de Camiños municipais convocado pola AGADER con financiamento europeo. Trátase dun programa que consigna fondos para os municipios coa finalidade de reparar vías de acceso a parcelas agrícolas que, no noso caso, conta cun importe de 55.303 euros con posibilidade de executar un ou dous proxectos nas anualidades de 2024 e 2025. Neste sentido, o Goberno local optou por encargar un único proxecto que se levará a cabo este ano, consistente na reparación da pista que vai desde o cruzamento da Casabranca até a estrada provincial DP-4904. É algo máis de un quilómetro de trazado ao que se lle vai botar unha nova capa de rodadura aglomerada. O proxecto está cuantificado en 66.838,52 €, impostos incluídos, dos cales o Concello asumirá con fondos propios un total de 11.535 euros. As obras licitaranse en breve.

A convocatoria de axudas financiadas cos fondos europeos do FEADER non inclúe os gastos de redacción do proxecto e de dirección da obra, así como tampouco os do IVE que corresponda segundo o prezo final de adxudicación. Esa é a razón de que o Concello teña que asumir parte dos custos de execución dunha actuación que servirá para reparar a coñecida como pista da Casabranca desde o seu arranque na gallada con Cristo do Rañal até a súa conexión coa estrada provincial que vai ás Somozas.

Cubrirase unha distancia total de 1.025 metros nos que, en primeiro lugar, se fará unha limpeza xeral da superficie e das cunetas para logo acometer o tapado de baches e outras imperfeccións da estrada actual, que se utilizará como base do novo firme. Estes preparativos teñen como obxectivo mellorar as condicións de drenaxe do subsolo e, ademais, garantir unha perfecta adherencia e regularidade da capa de pavimento aglomerado que se botará despois, de cinco centímetros de grosor.

A pista da Casabranca quedará cun ancho medio de 4,75 metros na maior parte do trazado, aínda que nos últimos 40 metros -preto xa da DP-4904- o largo amplíase até os 5,5 metros para formar o abano de incorporación á estrada provincial.

O proxecto deseñado polo Concello inclúe o acondicionamento dos accesos aos predios colindantes e tamén a sinalización horizontal. Tal e como explica a alcaldesa, Beatriz Bascoy, a intervención “mellorará a seguridade viaria gracias a un pavimento que ofrece mellor adherencia e, polo tanto, menores distancias de freado, incluso en días de chuvia”. A rexedora tamén destacou que “facer un investimento importante neste momento evitaranos ter que acometer novas reparacións a curto ou medio prazo”.

A pista da Casabranca é unha das principais vías de entrada e saída polo leste ao núcleo de San Ramón, xa que recolle boa parte do tráfico entre o centro urbano de Moeche e As Somozas. Na mesma zona -e case en paralelo- encóntrase a DP-4901, que comeza no mesmo punto e desemboca igualmente na estrada provincial pasando por diante do campo de fútbol, aínda que nese caso a maior parte do tráfico que soporta é o que vai ou vén da estrada de Ortigueira desde Balocos. Este segundo eixo, de titulariedade provincial, tamén acaba de repararse con novo firme, beirarrúas e iluminación pública.

A andaina reivindicativa partirá ás 11:30h desde distintos puntos do territorio con destino ao recinto feiral de San Ramón

Moeche camiñará pola igualdade este sábado

O Concello de Moeche organiza, como evento principal en torno ao 8M, unha nova andaina “Camiñando cara a Igualdade” . Esta camiñada, que pechará o mes de marzo, procura contribuir a facer visible a necesaria implicación social na reivindicación da igualdade. Así, este sábado 30 de marzo a partir das 11.30h comezará a andaina desde as cinco parroquias para confluír no recinto feiral, en San Ramón. Para unha mellor organización fai falla inscrición previa a través de correo@moeche.gal, no teléfono 981 404 006.

Moeche procura visibilizar de novo o compromiso social pola igualdade organizando a II andaina “ Camiñando cara á igualdade”, organizada pola Concellería de Igualdade. Desde distintos puntos do territorio irán saíndo os grupos que se conformen para chegar á mesma hora -sobre as 13 ou 13:15h- ao recinto feiral de San Ramón, onde se servirán uns petiscos e se lerá o manifesto institucional co gallo do 8M aprobado polos grupos municipais..

Co fin de organizarse, é necesaria a inscrición previa a través de correo@moeche.gal, no teléfono 981 404 006 . O prazosegue aberto ata o mércores 27 ás 12.00 h da mañá.

Os distintos puntos de partida son os seguintes, todos situados en lugares con espazo abondo para aparcar:

11:30h Grupo 1: Igrexa de Santa Cruz pasando polo Retorno e uníndose ao Grupo 3 na igrexa de Labacengos. Trátase do itinerario máis longo (7,1 km) e, polo tanto, o máis aconsellable para quen queira dar un bo paseo.

12:00h Grupo 2: Cruceiro de San Xurxo pola CP-4901 ata a CP-4904 (4,3 km, aproximadamente 1 hora)

12:15h Grupo 3: Igrexa de Labacengos pola CP-4902 ata a CP-4904 (3,4 km, 40-45 minutos), con idea de que tanto este grupo como o nº 1 conflúan na estrada das Somozas co Grupo 2 que sobe desde San Xurxo

12:15h Grupo 4: Adro da Igrexa de Abade (3,9 km, uns 45 minutos). O trazado vai pola CP-4905 e por pistas municipais, non pola estrada de Ortigueira

12:15h Grupo 5: Cemiterio de San Xoán, seguindo logo polo Riovello e Pardiñas (2,8 km e uns 40-50 minutos)

12:50h Grupo 6: Cruceiro de San Ramón seguindo a estrada Cristo do Rañal (350 m.), pensado para persoas con mobilidade reducida ou para quen queira participar no acto final.

Os puntos de encontro e os itinerarios están calculados para asegurar que todos os grupos acaben xuntándose sen demoras na nave do Mercado, e ao tempo facilitar que as persoas que queiran sumarse á iniciativa poidan facelo elixindo un percorrido que se axeite ás súas preferencias ou posibilidades físicas.