Friday 22 de November de 2024

O Concello colabora na organización do primeiro Memorial Fani Martínez de fútbol sala


O evento do 5 Coruña F.S. terá lugar este martes 26 no polideportivo municipal de Novo Mesoiro

O Concello da Coruña colabora co 5 Coruña F.S. na organización do primeiro Memorial Fani Martínez, torneo solidario de fútbol sala que se realizará este martes, 26 de marzo, no polideportivo municipal de Novo Mesoiro. O Goberno de Inés Rey súmase deste xeito á homenaxe deste club coruñés á súa antiga adestradora, finada en setembro de 2022 á idade de 26 anos.
O importe das doazóns voluntarias irá destinado integramente á Asociación Española contra o Cancro. O memorial comezará ás 19.00 horas coa disputa dun partido da selección galega sub 10 e durante toda a tarde, das 15.30 ás 21.00 horas haberá unha unidade móbil de doazón de sangue na contorna do polideportivo.
O evento contará coa presenza de persoas achegadas a Fani Martínez, tanto compañeiras do equipo como xogadoras da selección galega e grandes figuras do primeiro nivel do fútbol sala. Haberá sorteos e sorpresas durante a xornada. O partido principal será ás 20.00 horas entre dous combinados con xogadoras dos mellores equipos de fútbol sala de Galicia.
O Goberno municipal amosa o seu apoio e compromiso cos equipos coruñeses de diferentes disciplinas deportivas. A través de convenios como o que vincula ao 5 Coruña F.S. co Concello, os clubs poden levar a cabo iniciativas coma este Memorial Fani Martínez.