Sunday 21 de April de 2024

O Galiverso estrea unha nova montaxe interactiva para mergullarse de maneira virtual nos 11 centros da rede de Museos de Galicia


— No ‘Galiverso dos Museos’ as persoas visitantes poderán manipular versións dixitalizadas ao detalle de ata 27 obras de arte, restos arqueolóxicos, e obxectos únicos

— O deseño da instalación no Museo Centro Gaiás incorpora unha zona táctil adaptada para que persoas con dificultades auditivas e de visión poidan “ver coas mans” réplicas dalgunhas das pezas

— Román Rodríguez subliña a vontade de facer do Galiverso “o museo con maior accesibilidade universal grazas ao emprego das tecnoloxías máis innovadoras”

O Galiverso, o proxecto de realidade virtual impulsado pola Xunta de Galicia, abre este mes de marzo unha nova fiestra ao universo dixital que conecta a Cidade da Cultura cos 11 centros que forman parte da Rede de Museos xestionados polo Goberno galego. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, participou esta mañá na presentación deste novo Galiverso dos Museos, que poderá visitarse a partir do martes, de balde, na Cidade da Cultura.

Román Rodríguez salientou o potencial dun proxecto que une arte e tecnoloxía para construír experiencias educativas e de ocio singulares coas que descubrir o patrimonio galego, e que visitaron xa máis de 18.000 persoas. Nesta quinta montaxe, o Galiverso dos Museos permite achegarse á colección artística, etnográfica e arqueolóxica conservada nos museos públicos galegos.

Para construír o Galiverso dos Museos, dixitalizáronse cunha alta precisión ata 27 obras de arte, restos arqueolóxicas e obxectos únicos que as persoas visitantes poderán ademais coller coas súas mans virtuais para observalas en detalle. Entre elas, atópanse algunhas das pezas máis significativas de cada centro, como a escultura do cabaleiro de Beade conservada no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, un delicado bocado de bronce empregado nos arreos dos cabalos descuberto no castro de Viladonga, ou o astrolabio máis antigo atopado nas costas de Galicia, que conserva o Museo do Mar en Vigo.

As lentes de realidade virtual brindan a sensación de estar dentro de cada museo, permiten entrar nas pallozas do Conxunto Etnográfico do Cebreiro e incluso mergullarse na paisaxe pintada por Urbano Lugrís no cadro Marina Surrealista, que se exhibe no Museo de Belas Artes da Coruña.

Como novidade, o Galiverso dos Museos incorpora a característica da “persistencia” no mundo virtual, de maneira que cada obxecto ficará no mesmo lugar e posición no que o deixou o visitante anterior. Grazas a isto é tamén posible deixar a pegada, literalmente, nun gran mural dentro do Galiverso, do mesmo xeito que facían os nosos devanceiros nas covas coa arte rupestre, explicou o conselleiro de Cultura en funcións.

O Galiverso máis inclusivo
Desde a súa posta en marcha en novembro de 2022, o Galiverso propón usar as novas tecnoloxías dixitais para favorecer o acceso ao patrimonio cultural, natural e histórico galego a persoas de calquera idade e condición. “Temos a vontade de facer do Galiverso o museo con maior accesibilidade universal, sen fronteiras tanxibles que limiten a visita”, afirmou Román Rodríguez.

No deseño de todas as montaxes do Galiverso empréganse controis intuitivos a través dos xestos das mans, textos e locucións explicativas de apoio, e tamén se acomodan as experiencias para que poidan gozalas persoas con mobilidade reducida. O Galiverso dos Museos vai un paso máis alá, incorporando unha zona táctil na que poder “ver coas mans” réplicas impresas en 3D de catro das pezas que foron recreadas tamén na experiencia virtual.

Unha aplicación deseñada pola Universidade de Vigo explica aos usuarios o funcionamento deste espazo, no que tamén hai auriculares de vía ósea e de bucle magnético para que as persoas con dificultades auditivas poidan escoitar as instrucións.

O Galiverso dos Museos pode visitarse de martes a domingo, reservando praza de maneira gratuíta no Museo Centro Gaiás ou a través de Ataquilla. A idade mínima para poder colocarse as lentes de realidade virtual son os 8 anos, e os menores de 12 deben acudir acompañados dunha persoa adulta responsable.