Saturday 16 de November de 2024

Feijóo avoga por seguir explorando nas posibilidades que ofrece a industria eólica mariña para garantir máis carga de traballo aos estaleiros de Navantia Fene


Precisa que se trata do segundo contrato en menos dun ano que Navantia Fene consegue no eido da eólica mariña —neste caso para a empresa enerxética noruega Statoil—, despois de que en decembro de 2014 lle fose encargada a construción de 29 jackets para o parque eólico mariño que Iberdrola promove en Alemaña (Wikinger), no Mar do Norte

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por seguir explorando nas posibilidades que ofrece a industria eólica mariña para garantir máis carga de traballo aos estaleiros de Navantia Fene. Así o manifestou logo de participar no inicio de fabricación das cinco estruturas flotantes que este estaleiro construirá para o que é o primeiro parque eólico flotante do mundo, o parque Hywind en Escocia.

Feijóo precisou que se trata do segundo contrato en menos dun ano que Navantia Fene consegue no eido da eólica mariña —neste caso para a empresa enerxética noruega Statoil—, despois de que en decembro de 2014 lle fose encargada a construción de 29 jackets para o parque eólico mariño que Iberdrola promove en Alemaña (Wikinger), no Mar do Norte.

Ambos os dous pedidos lográronse en alianza coa empresa asturiana Windar Renovables e son, dixo, unha demostración de que Navantia Fene se está posicionando como un “socio de referencia” no mercado eólico offshore. Despois de case dez anos sen carga de traballo é grazas á industria eólica mariña este estaleiro volve estar operativo, salientou.

As cinco estruturas flotantes, de 6 MW cada unha, terán un peso dunhas 3.500 toneladas, unha lonxitude de 90 metros e un diámetro de 14,5 metros. Contan cun investimento total de máis de 215 millóns de euros e a súa construción suporá “un ano continuado de traballo para máis de 300 persoas”.

Máis carga de traballo
Son boas novas, dixo, porque estas cinco estruturas constitúen o proxecto piloto dun encargo moito maior que podería ascender a 60 estruturas máis, o que sitúa Navantia Fene en posición de vantaxe cando se adxudique este segundo paquete. E, ademais, xunto cos 29 jackets que constrúe para Iberdrola en Alemaña, a carga de traballo no eido da eólica offshore ascende xa a máis de 700 postos de traballo.

Neste sentido, subliñou que Galicia ten un importante camiño andado que supuxo pasar da inactividade á recuperación de carga de traballo para o sector na ría de Ferrol. Un camiño no que Navantia está demostrando o valor internacional da enxeñaría naval galega, pero no que fan falta máis avances que se traduzan en máis ocupación, dixo. Ao respecto, destacou que a carga de traballo en carteira ou noutros estadios finais de negociación no conxunto dos estaleiros galegos actualmente suma máis de 1.900 millóns de euros.

Unha industria emerxente
Recoñeceu así que a industria eólica mariña é unha industria emerxente que ofrece enormes posibilidades para o sector naval. E, en concreto, sinalou que as estruturas flotantes representan o futuro desta industria porque permiten desenvolver parques eólicos a maiores profundidades e a distancias máis afastadas da costa, producen con iso un menor impacto visual, e xeran menor afección ao ambiente, posto que non se fixan no leito mariño senón que se amarran.

Feijóo considerou unha vantaxe para Navantia o feito de contar cunhas instalacións cunha excelente localización xeográfica e acceso ao mar; cos medios técnicos necesarios para fabricar e mover grandes estruturas; e, sobre todo, coa alta cualificación e a experiencia de todo o cadro de profesionais que traballan na empresa. Tres razóns de peso, indicou, que outorgan a este estaleiro un alto valor competitivo nun mercado emerxente como é o sector eólico en alta mar, e que o sitúan nunha posición privilexiada á hora de optar a novos contratos.

Neste contexto, avanzou que Navantia Fene presentou dúas ofertas para a construción dun parque eólico mariño no norte de Escocia —para a eléctrica escocesa SSE—, e outro no Mar do Norte promovido por Iberdrola dos que confiou en ter boas novas. “En 2016 decidirase a execución de máis de 300 jackets, o que podería ser unha gran oportunidade de seguir incrementando a carga de traballo” no naval galego, adiantou.

Integrar a innovación no sector naval
O presidente galego considerou que as dúas adxudicacións coas que xa conta Navantia no campo da eólica mariña son consecuencia do esforzo que o sector está a realizar por diversificar a súa produción incorporando a innovación para ser máis competitivo. E, nesta liña, referiuse aos apoios que está a achegar a Xunta para acadar este reto. Trátase dun obxectivo prioritario da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), e os Programas Interconecta e Conecta Peme nas súas diversas convocatorias prestaron xa financiamento para 19 proxectos de I+D+i dirixidos á mellora de produtos e servizos para empresas deste sector, con axudas que superan os 9 millóns de euros e que mobilizan un investimento próximo aos 20 millóns de euros.

Na mesma liña, as Unidades Mixtas de Investigación mobilizarán máis de 8 millóns de euros en programas innovadores de I+D+i para este sector, como o que está realizando a Universidade da Coruña e Navantia para deseñar o estaleiro do futuro, que conta cunha subvención de 0,7 millóns de euros. Unha pata fundamental do proceso de transformación de Navantia que definirá a modernización que necesita o estaleiro de Ferrol para facer fronte ao desenvolvemento da fragata F-110.

E, igualmente, tamén o CIS Galicia está a desenvolver un proxecto co conxunto do sector naval galego para implantar o naval 4.0; é dicir, avances que permitan a integración de tecnoloxías TIC, que axuden a mellorar a integración e a comunicación entre estaleiros e auxiliares, e que melloren os traballos de deseño e construción a través da robótica e a automatización de procesos. Un proxecto ao que a Xunta achega 1,8 millóns de euros.

Outros pedidos en carteira
Feijóo lembrou que as dúas últimas adxudicacións conseguidas por Navantia Fene, súmanse a outros pedidos que o estaleiro ten en carteira como a construción do flotel de Pemex, que segue adiante e ten como data límite de entrega o 16 de xullo. O Buque de Acción Militar (BAM) para a Armada española, do cal xa están en construción 26 dos 40 bloques que forman o barco coa previsión de que se poña a quilla a finais de abril e en abril de 2017 sexa a botadura. Ou os catro petroleiros para o armador Idiazabal, cuxa obra, que se fabricará en parte en Ferrol, comezará a metade deste ano logo de que en decembro xa se puxeran as quillas.

Ademais, canto ao dous buques de apoio loxístico para a Armada australiana (BAC), Navantia figura neste momento como finalista e se espera a decisión nos vindeiros meses, apuntou. E, tamén é grazas ao esforzo innovador que está a realizar esta empresa polo que colabora co estaleiro australiano ASC na construción alí dun programa de destrutores antiaéreos.