Tuesday 05 de November de 2024

Últimos días para que persoas desempregadas soliciten participar nunha nova Lanzadeira de Emprego na Coruña e orientar de xeito gratuíto a súa demanda


― ‘Lanzadeira de emprego nómada’ é un programa en liña que se pon en marcha na Coruña o próximo abril e ten o prazo de solicitude vixente ata o 29 de marzo

― Enmárcase na colaboración que a Xunta mantén coa Fundación Santa María La Real na posta en marcha dos hubs de activación de emprego cos que quere mellorar as oportunidades laborais de 200 persoas vulnerables en Galicia

Persoas desempregadas de 18 a 60 anos poden solicitar ata o próximo 29 de marzo a súa participación na iniciativa nómada que a Xunta de Galicia promove desde A Coruña, de xeito gratuíto e en liña, en colaboración coa Fundación Santa María La Real.

As inscricións están abertas ata o próximo 29 de marzo na web: https://hubsempleabilidad.com/inscribete/ e o programa arrincará no mes de abril.

A iniciativa forma parte do proxecto Hubs de activación para o emprego que se dirixe en especial a persoas con dificultades de acceso ao mercado de traballo e en risco de exclusión e en situación de especial vulnerabilidade. Inclúense neste colectivo parados de longa duración, persoas con baixa cualificación, inmigrantes, mulleres vítimas de violencia de xénero, con discapacidade, integrantes de fogares con todos os seus membros en desemprego ou de familias monoparentais.

O proxecto oriéntase a que os beneficiarios actualicen e enfoquen a súa procura de traballo. Os participantes terán ocasión de reforzar as súas competencias dixitais para buscar emprego de forma efectiva e adaptarse aos postos emerxentes.

Hubs de activación para o emprego finánciase con fondos europeos. Busca a activación profesional das persoas desempregadas vulnerables, as que presentan maiores dificultades para acceder ao mercado laboral.

No caso galego, o Hub acollerá no próximos cinco anos diferentes edicións da Lanzadeira de Emprego Activa e a actividade Despega, orientada a favorecer a súa inserción no mercado laboral e a súa inclusión social.

Cos hubs a Administración autonómica trata de impulsar o empoderamento colectivo e individual, ofrecendo acompañamento ao emprego, activación e formación de carácter presencial ou dixital ás persoas que máis o necesitan.

Con esta iniciativa a Xunta aspira poder axudar a máis de 200 persoas en toda Galicia e celebrar un cento de sesións de traballo con expertos en emprego verde sustentable, mercado e tendencias laborais.