Saturday 16 de November de 2024

O Concello pon en valor na súa Xuntanza de mulleres os 40 anos de traballo da Asociación de Amas de Casa de Neda


A primeira edición do encontro reúne nun xantar con música en directo a máis de oitenta veciñas

Máis de 80 veciñas participan este sábado na primeira Xuntanza de Mulleres de Neda, organizado polo Concello. O evento, co que remata a programación municipal de actividades con motivo do 8M, serviu para pór en valor publicamente o traballo desenvolvido pola Asociación de amas de casa Neda, que vén de cumpría en febreiro corenta anos de vida.

Dúas das tres presidentas que tivo a entidade –Charo Doval e Fina Costa- recibían este domingo a placa conmemorativa coa que dende o Concello se agradecía e recoñecía, “en nome do pobo de Neda“, o traballo realizado pola asociación a prol das mulleres do municipio.

Dende o goberno local destacaron no acto o esforzo por “dignificar o traballo silencioso e nunca valorado das amas de casa”. Subliñaron ademais o papel fundamental da entidade, que actualmente conta cunhas 80 socias, no impulso da participación social das veciñas, a súa capacidade de adaptación aos tempos “sempre presente na vida do noso municipio” e tamén o seu apoio a causas solidarias.
Concluída a homenaxe, as asistentes á primeira edición da xuntanza, que busca reivindicar a importancia de que as veciñas dispoñan de máis tempo propio para o lecer, desfrutaron no centro cívico do xantar e da música en directo de Jorge Latino.

A actividade pechaba a programación do “Mes da muller”, financiada cos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, que incluíu dende mindfullnes, a unha marcha pola igualdade, pasando por un contacontos e charlas nas escolas para acabar cos estereotipos de xénero.