A moción presentada polo BNG votarase no vindeiro pleno
A proposta xa fora rexeitada polo goberno municipal en 2022
A inoperancia en materia de persoal e a necesidade urxente de máis efectivos son argumentos de peso para reincidir na proposta
O Concello de Culleredo precisa de máis persoal, en xeral, e no corpo de Policía Local é urxente. O número de horas extraordinarias acreditadas polos efectivos do corpo é de 3.752,50 e prevese que neste ano 2024 aumenten un 20% debido a xubilacións e ao posible paso a segunda actividade.
O goberno municipal impulsou o proceso para a cobertura de novas prazas hai menos de dous anos, e xa daquela o BNG propuxo conveniar a selección coa AGASP —Academia Galega de Seguridade Pública—, xa que se trata de probas moi específicas e liberaría outros funcionarios de asumir as tarefas de tribunal en condicións posiblemente precarias. A pesar de todo, o equipo de Rioboo rexeitou a idea.
É por todo iso que agora, o BNG presenta novamente a moción, e terá que ser votada no vindeiro pleno municipal. Son varios os procesos selectivos pendentes na Policía Local —os dos anos 2019 a 2021—. É dicir, estando en 2024, as prazas correspondentes a 2019 están aínda pendentes de solucionar. É evidente que o concello precisa axilidade para a contratación de novos efectivos para o corpo.
Incluso o presidente da FEGAMP defendeu o acordo que asinou coa Xunta nesta materia defendendo as bondades de contar coa AGASP: “Cubrir as vacantes da policía supón para moitos concellos, sobre todo os pequenos, un labor complexo que bloquea traballo diario da Secretaría. Os municipios que desexen poden delegar na AGASP para que se encargue de todo o proceso, desde as probas selectivas ata a formación”.
Alén disto, o Concello de Culleredo afonda na súa inoperancia en materia de Persoal. Son varios os procesos selectivos pendentes e as substitucións de persoas traballadoras de baixa chega tarde, mal ou non chega —foron exemplos sonados a falta de profesorado do Conservatorio Municipal, que chegou a iniciar o curso a destempo por esta causa, ou a recente de falta de conserxe no CEIP Ría do Burgo, que leva sen cubrir desde hai máis de dúas semanas—.
Con esta proposta, como con tantas outras, o BNG de Culleredo insiste na súa actividade propositiva, en favor da mellora de vida para a veciñanza, e continuará a traballar en ideas para tratar de desbloquear un concello paralizado que non amosa ningunha sensación de que poida revivir para servir a unha cidadanía farta.