O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou o call center do Polígono de San Cibrao das Viñas no que se atende este teléfono de información
O chamado ‘Teléfono da Muller’, o 900 400 273, xestionou 4.565 chamadas telefónicas ao longo do 2015, preto da metade relacionadas coa área de atención psicolóxica.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou no Polígono de San Cibrao das Viñas a sede do 012, o teléfono único de información que aglutina, entre outros, a este teléfono orientado ás mulleres galegas. Rueda estivo acompañado da delegada Territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.
Rueda explicou que das 4.565 chamadas recibidas neste teléfono o ano pasado, máis da metade procedían da provincia da Coruña (2.304), seguida da de Pontevedra (1.070), Lugo (282) e Ourense (274). Tamén se atenderon 48 chamadas procedentes do resto de España e en 587 casos non se especificou o lugar de procedencia da persoa que chamaba.
Atendendo ao tipo de información solicitada, a meirande parte das chamadas están relacionadas coa atención psicolóxica, que representan o 46 por cento do total. Ademais, un 24 por cento das chamadas interesáronse polos recursos que as mulleres teñen a súa disposición e outro 20 por cento fixo consultas en materia xurídica.
Gratuíto, anónimo e confidencial
O ‘Teléfono da Muller’ é un servizo gratuíto, anónimo e confidencial, que funciona as 24 horas, os sete días da semana e ten cobertura para toda a Comunidade Autónoma. Está atendido por un equipo multidisciplinar, coordinado cos diferentes profesionais de toda Galicia.
Desde o ‘Teléfono da Muller’ infórmase e asesórase sobre cuestións relacionadas coa violencia de xénero -malos tratos, vexacións, ameazas, etc.-; acoso sexual; e servizos sociais, casas de acollida, centros de información ás mulleres, programas para mulleres desfavorecidas, policía especializada, gabinetes de orientación ou centros de planificación.
Así mesmo, tamén atenden consultas relacionadas con separacións, divorcios, abandonos do fogar e sentencias incumpridas; educación pola igualdade; cursos ocupacionais, oposicións, bolsas de emprego e creación de empresas e medidas de apoio ó asociacionismo, xornadas, seminarios, subvencións a asociacións e publicacións.
Un teléfono para tod@s
Outras das características deste teléfono é que conta cun integrador servizo para a atención a persoas con discapacidade auditiva, así como cun sistema de teletradución a 51 idiomas que permite á persoa que realiza unha chamada ser atendida no idioma que o precise.
Así mesmo, a finais de 2012 a Xunta asinou co Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad un convenio de adhesión ao Teléfono 016, para que as chamadas realizadas a este teléfono dende Galicia se deriven automaticamente ao ‘Teléfono da Muller’ 900 400 273.