Sunday 22 de December de 2024

O Concello organiza obradoiros de auto coñecemento a través do solo pelviano


O luns abre o prazo de inscrición para participar nos obradoiros de auto coñecemento a través do solo pelviano, que forman parte do programa municipal Coñecerse é vivirse. A través destes obradoiros, desenvolveranse ferramentas e coñecementos dirixidos a fomentar un estilo de vida positivo e saudable; daranse a coñecer aspectos básicos para o coidado do solo pelviano, así como pautas para previr e tratar as distintas patoloxías ou disfuncións que se poidan dar. Ademais, buscarase dar resposta ás inquietudes das participantes, reflexionando sobre as súas vivencias, e ofrecendo información que sirva como base para a toma de decisións desde a autonomía e o coñecemento.

Para facilitar a participación, realizaranse 2 obradoiros no Salón de Actos do Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo (Rúa Regos 24, Urbanización Os Regos). O primeiro, o luns 8 e o mércores 10 de abril, en horario de 10:00 a 12:30h; e o segundo, o venres 19 de abril en horario de 16:00 a 18:00 e o sábado 20 de 10:00 a 13:00h. O número de prazas é limitado e, para participar, é necesaria inscrición previa desde o 25 marzo ata o 3 de abril a través da páxina web do Concello, no apartado Participa, na categoría de Actividades Sociais.

Coñecerse é vivirse é un programa no que se desenvolven distintas actividades dirixidas a mulleres, e que ten como finalidade aumentar o auto coñecemento arredor do propio corpo. Nas anteriores edicións do Coñecerse é vivirse, traballouse arredor da menopausa e a sexualidade.

Para obter máis información é posible chamar ao 981 610 000 – extensión 3503 – ou enviar un correo a igualdade@oleiros.org.