O Concello de Ribeira, a través do servizo de limpeza viaria, comezou hoxe a limpeza manual nos areais do Concello. Coa chegada da Semana Santa, un dos períodos máis concorridos nas praias, a importancia de manter estes espazos limpos e seguros vólvese fundamental.
Ao inicio desta semana comezaron as limpezas a máquina, que recollen unha gran cantidade de residuos e refugallos, e agora co despliegue da brigada manual, os traballadores percorren a costa recollendo residuos que poden quedar atrás ou que son de difícil acceso para as máquinas. Esta brogada manual estará traballando nos areais os vindeiros 10 días.
“A combinación de ambas estratexias, a limpeza con maquinaria e o traballo manual das brigadas, garante un resultado óptimo na conservación e preservación das nosas praias.” explica a concelleira de Servizos Municipais, Tania Redondo, que se achegou hoxe a Corrubedo para supervisar o comezo da limpeza manual. “Máis aló da Semana Santa, é fundamental manter este esforzo de limpeza de maneira continua para protexer os nosos ecosistemas costeiros e proporcionar unha contorna saudable para residentes e turistas durante todo o ano.”