Saturday 16 de November de 2024

O BNG de Oleiros preguntará no vindeiro pleno como está a xestionar o enorme incremento poboacional con notábel impacto en diversas e variadas áreas básicas


Agárdanse en Mera sobre 1.000 novos habitantes que se instalarían nas Urbanizacións da Xentiña e Cividás. Viñas de Babilonia (SUD-10) urbanización de 390 vivendas previstas en Santa Cruz. Perante este incremento considerábel de poboación nas parroquias oleirenses, o Concello debería estar xa en contacto coa Xunta para prever a máis que necesaria atención en eidos, xa agora deficitarios, como a Sanidade ou a Educación . Máis entendemos dende o BNG que esta sería tan só unha das necesidades do forte incremento porcentual de poboación que se prevé, nomeadamente tendo en conta a multiplicación dos residentes durante o período estival e a forte afluencia aos areais oleirenses.

Existe algún plano integral por parte do Concello para asumir todo o incremento asistencial a nível de aparcadoiros, mobilidade, seguranza, maior frecuencia de transporte público, limpeza, infraestruras etcétera que este aumento poboacional vai supoñer. Que medidas vai tomar o Concello para paliar estas necesidades potenciais. Son perguntas quexa hai tempo que están na rúa.
Ademais, o noso portavoz municipal fará varias preguntas sobre temas que afectan á cidadanía, entre elas:
Denuncias de presumíbeis acosos nos centros educativos de Oleiros
Coñecemos recentemente detalles dun presumíbel grave acoso producido no IES María Casares. Caso pechado pola Xunta “dado que, da análise da información recabada, non se derivaron indicios suficientes da existencia de acoso escolar. O profesorado está especialmente vixiante reforzando a atención e vixilancia no patio e espazos comúns”.
Neste mes de marzo agromou máis un novo presumíbel suceso no que está involucrado un neno con autismo lixeiro, desta xeira no colexio concertado Cristo Rey. Existen queixas pola ineficacia na xestión do caso e na necesaria apertura do protocolo acaído por parte da Consellaría de Educación.
Dende o BNG consideramos que o Concello debe seguir de xeito directo e continuado estes casos con contactos e asistencia necesaria para as familias e os menores implicados, obviamente sen prexulgar ningún dos casos denunciados. Incidiremos neste asunto no vindeiro pleno.
Grao de cumprimento da primeira fase do PMUS na procura da ansiada mobilidade
No PMUS aprobado por Decreto da Alcaldía en setembro do 2022 destácase o dominio aplastante do vehículo particular fronte calquera outra opción, con previsión de forte incremento nos vindeiros anos. No PMUS fíxanse unha serie de medidas a tomar polo Concello a curto prazo nun período de até 2 anos dende a súa aprobación con esta finalidade de promover a mobilidade en transporte colectivo, peonil ou bicicleta. Cómpre destacar que o Concello de Oleiros non conta con Concellaría de Mobilidade.
Transcorridos 18 meses dende que o PMUS foi aprobado por decreto de Alcaldía (3/4 partes dese período inicial de dous anos), perguntaremos ao Concello que pasos deu e está a dar dentro dese período inicial de medidas de 2 anos
Destrución das pertenzas de non “valor” nas piscinas municipais
Nas piscinas de Oleiros procédese a destrución/lixo das pertenzas esquecidas polas usuarias das mesmas agás que sexan obxectos de valor como reloxos ou telemóbeis. Este concepto de “valor”· é bastante indeterminado e arbitrario, xa que bañadores, determinados xampús, chapeus de baño poden ser dun valor moi elevado. Esta medida chegou para ficar após a crise da COVID. Non sen tempo pois, pediremos ao Concello que durante un período de tempo a determinar mais suficiente, sexan custodiados por parte da administracións das piscinas municipais, todos os obxectos esquecidos ou extraviados nas piscinas para que poidan ser recuperados polos utentes.
Existencia denuncias veciñais sobre posíbel neglixente recollida do lixo da concesionaria
Desde o BNG cualificamos o inicial acordo de subir o recibo do lixo un 35 % de «escandaloso e indefendíbel», tendo en conta as graves eivas que ten o servizo. A cidadanía dos concellos que compoñen o Consorcio das Mariñas levan tempo observando que o servizo de recollida do lixo se leva a cabo de xeito moi polo que unha suba do prezo do recibo sería incomprensíbel, e aínda máis sen que se produza unha fiscalización do contrato e da súa execución. Segundo denuncias veciñais, o 29 de febreiro na zona de Santa Cruz o camión do lixo procedía a botar no mesmo espazo (o dereito) o contido dun contentor verde (orgánico) pero tamén o doutro, o de inorgánico.
Pediremos ao concello que controle a posibilidade de que se produzan incidencias desta índole.