Friday 22 de November de 2024

O Concello aprobará mañá a Oferta Pública de Emprego con 56 prazas nos diferentes grupos


Da totalidade das prazas, 29 serán de acceso libre e 21 de promoción interna xunto con 6 de mobilidade

Preto de 20 prazas correspóndense co servizo de Policía Local, das que 12 serán en quenda de acceso libre

O Concello da Coruña aprobará mañá a Oferta Pública de Emprego para este ano 2024, cun total de 56 prazas en diferentes servizos. Con esta nova convocatoria o Goberno de Inés Rey mantén o seu compromiso coa mellora dos servizos municipais, así como co emprego público e a dinamización económica.

Das 56 prazas ofertadas, 29 serán de acceso libre e contarán con catro prazas reservadas a persoas con discapacidade. Por servizo divídense en 12 para Policía Local de tipo C1, 10 auxiliares administrativos de tipo C2, dúas de Subalterno e unha para técnico audiovisual, Oficial de Protección Civil e Enxeñeiro agrícola. Ademais, convócanse dúas novas prazas para o corpo de bombeiros.

En canto á oferta de prazas por quenda de promoción interna, o total de 21 divídense en oito de administrativo/a de tipo C1, sete de auxiliar de bibliotecas de tipo C1 e dúas de auxiliar administrativo, técnico superior de delineación e oficial operativo do SEIS. O total da OPE 2024 complétase con 6 prazas de mobilidade que serán para o servizo de Policía Local.

Esta nova Oferta Pública de Emprego permitirá reforzar o cadro do peroal municipal nos diferentes servizos. Especialmente nos servizos de seguridade e emerxencias, sendo un total de 23 as prazas ofertadas para os servizos de Protección Civil, Bombeiros e Policía Local. Ademais, a convocatoria das catro prazas de Bombeiros (dúas de tipo C1 por quenda Libre e dúas do SEIS) completará o cadro do persoal de bombeiros, chegando ao cento de profesionais.

Entre os anos 2022 e 2023, o Goberno de Inés Rey convocou preto de 200 prazas de Oferta Pública de Emprego, avanzando na mellora da calidade dos servizos municipais.