Sunday 06 de October de 2024

Rueda aposta por aproveitar as oportunidades da transición enerxética, e compatibilizando actividade económica e a sustentabilidade


― Destaca que todos os proxectos que se instalan en Galicia cumpren con todas as garantías

― Pon en valor o papel da Sociedade de Recursos de Galicia á hora de achegar certezas de que os proxectos terán beneficios directos e tanxibles no lugar no que se asenten

― Aposta polo papel da Xunta como “facilitador” de cara á instalación de novas industrias

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, apostou por hoxe por aproveitar as oportunidades da transición enerxética e as enerxías verdes, en tanto considerou que é compatible a actividade económica e a sustentabilidade.

Durante a súa intervención no almorzo-coloquio ‘Un plan de futuro industrial para As Pontes e Galicia’ -organizado por La Voz de Galicia-, Rueda salientou que as enerxías verdes son “unha enorme oportunidade”, e que Galicia conta coas condicións para situarse nunha “posición envexable” no seu desenvolvemento, grazas á súa situación xeográfica, aos seus recursos naturais e á súa estabilidade política.

De feito, Galicia é xa un referente no eido das enerxías verdes. Tres cuartas partes da enerxía que se produce na comunidade provén dunha fonte renovable; a xeración de enerxía representa case o 5% do PIB -unha taxa semellante a actividade agrícola, gandeira ou pesqueira- e Galicia conta con 28 centros industriais e dous portos eólicos que dan traballo a 5.600 persoas.

Todas estas actividades, apuntou, respectan todas as garantías. “A Xunta é a primeira interesada en que todo o que se instale en Galicia cumpra escrupulosamente con todos os parámetros, condicionantes e normativas necesarias”, reflexionou, ao tempo que pediu aos promotores industriais un maior “labor didáctico” á hora de explicar os proxectos á poboación e “transmitirlles tranquilidade”.

Neste ámbito, destacou o papel da Sociedade Recursos de Galicia (RDG), impulsada pola Xunta, que axudará “a despexar moitas dúbidas e levantar moitas reticencias” en tanto ten como obxectivo que os proxectos de utilización de recursos naturais se traduzan en beneficios “directos e tanxibles” para os lugares nos que se asenten.

Unha política industrial facilitadora
Na súa intervención, o presidente da Xunta en funcións tamén defendeu que a mellor política industrial é a que facilita a posta en marcha de proxectos viables, sustentables e de alto valor. Nese papel facilitador, o Goberno galego impulsará nesta lexislatura dúas iniciativas: tramitar no prazo máximo dun ano todos os proxectos que creen 25 ou máis empregos e que teñan un investimento mínimo de 2M€; e a creación dun fondo público-privado, cun capital inicial de 300 M€, para promover iniciativas empresariais prometedoras.
Ademais, Rueda apelou de novo á necesidade de que o Goberno central corrixa a política de xestión dos fondos europeos, especialmente dos relacionados co sector industrial, para que cheguen ás empresas cando realmente os necesitan.
Reindustrialización das Pontes
No encontro, abordouse tamén a reindustrialización das Pontes. O titular do Executivo galego en funcións reafirmou o compromiso da Xunta coa vila e apelou á necesidade de colaboración do Goberno central. Adiantou que en abril se convocará a primeira convocatoria do Fondo de Transición Xusta e recordou que en As Pontes existen xa “oportunidades reais” grazas ao interese de asentarse nesta vila de varias empresas.