Friday 22 de November de 2024

Falece o exalcalde de San Sadurniño Manuel José Lamas Soto


O seu corpo será incinerado mañá ao mediodía e ás 17.00h oficiarase un funeral na igrexa de San Sadurniño

Quen fora alcalde de San Sadurniño entre 1983 e 1990, Manuel José Lamas Soto, faleceu esta pasada noite aos 60 anos de idade. O pasamento produciuse de madrugada no seu domicilio, onde Lamas permanecía tras agravarse nos últimos días a enfermidade que viña padecendo desde hai varios anos. O corpo do exalcalde e militante socialista será incinerado mañá mércores ás 12.00h. no tanatorio Artabria de Ferrol e ás 17.00h. oficiarase un funeral na igrexa de San Sadurniño.

Manuel José Lamas (Igrexafeita, 1955) estivo vinculado máis de media vida á política local da man do socialismo. Foi concelleiro electo nas primeiras eleccións municipais tralo Franquismo, accedendo ao salón de plenos en 1979 como cabeza dunha lista do PSOE (6 concelleiros) composta maiormente por xente nova que, coma el, buscaban a entrada de aire fresco nun Concello rexido en grande medida polos actores da etapa anterior, boa parte deles integrados na coalición Independente que obtería 7 concelleiros por unha marxe relativamente estreita.

Porén, Lamas xa formaba parte desde antes daquela do movemento de cambio que promovían tanto o grupo formado ao redor da revista Pumariño -creada en 1976- como os movementos asociativos nacidos no territorio a partir de 1978. De feito el participou na creación da asociación de veciños Adiante de Igrexafeita, da que sería primeiro presidente.

Nas eleccións municipais de 1983 o PSOE accedería á alcaldía do Concello nun panorama sen maiorías absolutas e con representación de tres forzas. Manuel José Lamas converteuse deste xeito en alcalde de San Sadurniño con 27 anos. Foi xusto aos inicios dunha das etapas máis críticas para a comarca, sacudida a partir da segunda metade da década pola reconversión naval. Tempos nos que o equipo de goberno que el encabezou tivo que lidar cun territorio necesitado de infraestruturas viarias -boa parte delas puxéronse en marcha nesa etapa- e de solucións para o emprego, que se materializarían a través do Plan ZUR coa implantación da madeireira Intasa e a conserveira El Cisne.

Manuel José Lamas repetiría como alcalde en 1987 co apoio dos Independentes tras unhas eleccións nas que irrompera con forza Alianza Popular (PSOE 5, AP 4 e Independentes 3). Tres anos despois unha moción de censura promovida polos populares retiraría a Lamas da alcaldía, aínda que non da política local, na que aínda repetiría en varias ocasións desde aquela como membro das listas socialistas e un dos principais referentes da agrupación local do PSOE. A última vez que participou nunhas eleccións municipais de 2015 pechando a candidatura deste partido.

Lamas viña padecendo desde hai varios anos unha enfermidade á que finalmente non puido ganarlle a batalla. Levouno na súa casa esta noite sobre as 5 da madrugada camiño dos 61 anos. Manuel José Lamas Soto estaba casado e tiña un fillo e máis un neto. O seu corpo será incinerado mañá mércores ás 12 no tanatorio Artabria de Ferrol, onde se atopa instalada a capela ardente -fogar funerario nº 14-, e ás 17.00h. oficiarase un funeral na súa memoria na igrexa de Santa María a Maior de San Sadurniño.

Desde o Concello que el presidiu durante sete anos quéreselle expresar á familia o máis fondo pesar pola perda e o recoñecemento á súa contribución para o desenvolvemento do noso territorio nos seus 35 anos de actividade política.